Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Pendellos de Agolada

Dicía recentemente nunha entrevista o historiador Alfonso Mato, gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que "hoxe a paisaxe hexemónica, mesmo a protexida como patrimonio, é a turística. Pura propaganda". Non lle falta razón. Unha mostra moi preto de nós: a rehabilitación dos Pendellos de Agolada. Un proxecto últimamente encamiñado pouco máis que a escaparate turístico. A inversión de perto dun millon e medio de euros apenas melloraron a economía nen a calidade de vida en Agolada. Simplemente un escaparate para que algún que outro fin de semana ao longo do ano, visiten o recinto algunha excursión de persoas da terceira idade ou alguén con interés na fermosura desta construción popular, única en Europa... ou certas actividades lúdicas e voluntariosas nos meses do verán... Un espello no que mirarse e dicir que bonito temos o "pueblo"...pero pouco máis.

Non serei eu quén poña chatas á recuperación do entorno dos Pendellos de Agolada. Todo o contrario. Hai que ir máis alá. A miña crítica vai dirixida á bisoñez duns gobernantes faltos de ideas e perdularios do erario público.

O proxecto de rehabilitación deste contorno debe contemplar un plan de mellora das vivendas colindantes, que unifique visualmente toda a vila e lle confira uniformidade urbanística. Conxuntamente cun plan de dinamización local que aproveite os inputs da rehabilitación en beneficio económico de quén aquí vive. Temos exemplos propios no país de como proxectos ben levados urbanísticamente, en poboacións similares á nosa, chegaron a ser avalados internacionalmente mediante premios importantes. O caso de Allariz. Un modelo a seguir. Salvando as diferenzas de cada localidade. Pretendían alí fixar poboación e mesmo atraer xente moza. Lembro como aló polos anos noventa, sendo eu estudiante, o daquelas alcalde nese concello e posterior vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nunha conferencia na Facultade de Historia de Santiago, afirmaba que o seu obxectivo inicial era rehabilitar unha zona histórica con características propias, pero deteriorada, cun fin: mellorar a calidade de vida das súas xentes e ofertar ás persoas de Ourense con dificultade de atopar vivenda, un lugar onde vivir. E por certo, obxectivo cumprido: o municipio aumentou máis de 1.000 habitantes dende o ano 2000, a un ritmo aproximado de 70 habitantes por ano. O milagre Allariz.

Esta idea para Agolada non é nova. Mesmo propuxen cando tiven responsabilidade política no concello. Daquela suxerín deseñar un plan de vivenda municipal adaptado ás circunstancias de rehabilitación do entorno dos Pendellos, conxuntamente cunha carteira municipal de servizos, que tivese como meta tres obxectivos: mellorar calidade das vivendas do recinto e por tanto mellorar calidade de vida das persoas que nelas viven; fixar poboación mediante servizos que satisfagan as demandas da poboación moza (nunca entendín como boa inversión abandoar, por circunstancias laborais, unha casa patrucia no municipio aqualatense para mercar en localidades limítrofes un piso "ultrahipotecado"); e por último atraer poboación foránea que buscara un entorno adecuado onde vivir con servizos de calidade (aparte de boa ubicación con comunicacións, unha vantaxe para desplazarse ao traballo). E por estes parámetros pasa o futuro de Agolada.En Galiza somos debedores dun regueiro de cartos investidos en infraestructuras nas épocas de bonanza que agora non sabemos ben que facer con elas. Hai que investir en proxectos que retornen beneficios á poboación e non en escaparates para presumir e facer propaganda.

*Veciño de Agolada

Compartir el artículo

stats