Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Anatomía dun segredo

Imaxino que bastantes, moitos, de entre Vdes han de estar ao cabo da cuestión. Así e todo, e por se algún(s) a descoñece aínda e/ou non se decata da temática a tratar, velaí que, por volta de 1977, Adolfo Suárez chegou a barallar a eventualidade da convocatoria dun referendo respecto do novo sistema político que nesa altura se estaba a deseñar para España. É dicir, que fosen -fósemos- os habitantes deste país de países aqueles que decidísen libremente se optabamos pola monarquía ou, ben polo contrario, tomabamos partido pola proclamación da Terceira República. En fin, iso é, polo menos, o que o propio expresidente do goberno español lle foi confesar á xornalista Victoria Prego nunha entrevista celebrada en Antena 3 TV, no ano 1995, e que non se chegou a emitir no seu día. A conversa entre ambos, porén, vén de ser emitida por La Sexta Columna e está xa comodamente a disposición de calquera lector na Rede.

Segundo sempre Suárez, entre 1976-1977, a maior parte dos xefes de goberno estranxeiros -convenientemente aguilloados por Felipe González- andaban a pedirlle, a el e mais ao gabinete que presidía, a convocatoria da referida consulta. Tras levar a cabo unha serie de enquisas, e comprobando que España se decidía pola República, velaí que optase por meter "la palabra Rey y la palabra monarquía en la Ley y así dije que había sido sometido a referéndum ya". Xa que logo, punto final e tira millas deica aos nosos días.

Contoulle, daquela, Adolfo Suárez a Victoria Prego a verdade do acontecido ou estamos diante dunha pura e dura fantasía? Segundo a estima dalgún lizgairo líder de opinión, todo se explica porque, polo visto, no momento en que tivo lugar a entrevista en Antena 3 "el ex presidente ya estaba muy afectado por el deterioro mental que le produjo el mal neurodegenerativo que padeció hasta su muerte". Evidentemente, o autor destas liñas está ben lonxe de ser un experto en cuestións médicas; non obstante, convén lembrar -como xa quedou anotado- que a entrevista tivo lugar en 1995; a grave doenza que tivo o infortunio de padecer o expresidente foille detectada a este arredor do 2003. En fin, Adolfo Suárez faleceu en 2014.

Malia que logo da batalla de Stalingrado e, claro é, do desembarco de Normandía, a oposición antifranquista considerase seriamente a posibilidade de que os Aliados, unha vez concluída a Segunda Guerra Mundial, se decidisen a intervir en España -isto é, derrubasen o réxime franquista e restaurasen as liberdades democráticas-, é ben probable que a derradeira ocasión efectiva para a defensa da República se fose frustrar xa en setembro de 1938 cando, en Munich, Arthur Chamberlain e Édouard Deladier -crendo posible pactaren co demo: léase Adolf Hitler- venderon Checoslovaquia á voracidade nazi. Nin que dicir ten, naquel "paquete" que británicos e ingleses asinaron, tamén estaba incluída a (mala) sorte de España.

Soñaron o seu soño feliz os antifranquistas en 1945. Porén, entre 1947-1948, a República foi abandonada definitivamente por alleos e mesmo por moitos -demasiados- propios (a Unión Soviética incluída); da súa parte, D. Juan de Borbón tivo clara a revelación de que algún día volvería haber un rei en España. Iso si; tamén tivo clara esoutra de que, moi probablemente, ese soberano nunca ía ser el mesmo. En fin, o resto xa o saben Vdes. dabondo: "Sure. Franco is a son of a bitch, but he´s our son of a bitch" (Dick Morris/Dwight Eisenhower dixit!). De cal referendo, entón, estaba a falar Adolfo Suárez cando falaba dun referendo? Tan mala pasada lle estaba a xogar xa o fado naquela entrevista con Victoria Prego de 1995?

Pensen os lectores, desde logo, o que quixeren pensar. Mais este, seu, cronista entende que non semella inaudito que alguén (fosen países estranxeiros, González...) si que chegase a suxerir/insinuar/deixar caer... -pero nunca xamais presionar, requerir ou esixir- a necesidade de actuar dalgún xeito para que a monarquía -vestise de seda ou de veludo, resultaba ser directa herdeira do franquismo- aparentase lexitimada en modos democráticos. Adolfo Suárez viña ser todo un sedutor, un galo de corral plenamente seguro de si mesmo. Xa que logo, alguén que foi capaz de legalizar o Partido Comunista en abril de 1977 (verdade da historia como outra verdade da historia é que, desde un ano atrás, Carrillo e mais os seus iniciaran o seu particular camiño de Damasco) resulta ser moi quen, asemade, -e sen por iso romper a perfecta sintonía con La Zarzuela- de organizar todo un referendo monarquía/república... sempre, iso tamén, que teña a plena certeza de que a súa causa devirá por completo vencedora da proba.

"Tahúr del Mississipi, con su chaleco y su reloj": así foi como o alcumou no seu día Alfonso Guerra. Traducido: en realidade, Adolfo Suárez nunca xogou ao azar. Naturalmente, iso non evita que puidese levar a cabo cálculos errados -é dicir, que un tiro lle saíse pola culata-, ou que achegase as mans demasiado ao lume nalgunha ocasión. Sen embargo, as cartas estaban marcadas. E non só por el, senón sobre todo e iso é o que de veras conta, polos donos do Gran Taboleiro. Xa sei que é unha mala noticia histórica, mais o certo é que España non só perdeu a democracia en 1936, senón que nesa mesma data fatídica lle foron arrebatados os derradeiros anacos da súa soberanía nacional. Claro que, en realidade, afundida a armada do Almirante Cervera en Santiago de Cuba (1898) -polos americanos, non por Fidel Castro!-, o único imperio que restaba era.... Imperio Argentina.

Compartir el artículo

stats