Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os camiños da vida

"Se vas a Peinador?"

Na posguerra de España, Vigo, en pésimo galego, cantaba a copla resistente: "Se vas a Peinador/ mira que fas facer,/ que vas a traballar/ e non vas a comer". Trataba a cántiga das obras do aeródromo de Peinador nas que tiñan que traballar, en réxime de prestación obrigatoria e persoal, todos os varóns entre tal e tal idade. Os ricos redimían o labor con diñeiro, como antano se redimiu o servizo militar. O pobo cantaba. Na miña nenez, naquel tempo só había un campo de aviación que levase, coma homenaxe, o nome dunha personalidade. El era o campo de aviación La Guardia de Nova York. Despois viñeron o JFK e o Charles de Gaulle. Puxéronlle Sá Carneiro (unha bulra macabra) ao aeroporto de Matosinhos de toda a vida, que se ten publicitado coma "o aeroporto de tódolos galegos".

Un meu amigo que está xeralmente considerado como friqui asegura que o de Vigo é o segundo aeroporto do mundo ao que lle puxeron o nome dun prócer: Enrique Peinador. Non sei se a intención dos franquistas era esa; e eu aseguraría que non, dado que a familia Peinador era de esquerda e nacionalista, polo que foi, nalgún caso, moi cruelmente castigada. Non sei de onde lle vén ao aeroporto de Vigo o seu nome, pero intúe que a razón pode estar en que se construiu nunha propiedade da familia Peinador. Amigos meus, non friquis, neste caso, senón importadores e exportadores de diversas mercadorías, entre as que se inclúe peixe conxelado en líquido que chega a Vigo desde todos os continentes, dinme estar furiosos. Vigo (aseguran), é praza moi importante, inclusive a máis importante de Galicia, na actividade do comercio exterior.

Todas as importacións que fan as empresas de Vigo por vía aérea tocan terra española (ou digamos) no aeroporto de Vitoria, porque en Galicia non hai aeroporto internacional de mercadorías. Desde Vitoria (Euskadi, certo) vén o peixe e o que sexa transportado en cameóns queimando autoestrada e gasoil a mazo, o que é unha ruína. Están, estes empresarios, fartos de ver que os viguistas non paran de chorar por un Peinador con liñas de pasaxeiros mil. Eles queren que Peinador se converta no aeródromo central e internacional de mercadorías da eurorrexión Gallaecia.

Compartir el artículo

stats