Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

A moda de ler

Ter un libro nas nosas mans parece mesmo de heroes

Estamos a vivir tempos modernos nos que o acto de ter un libro nas nosas mans e ler convértese mesmo nun acto de heroicidade. Na actualidade a maioría dos nosos rapaces non son lectores, entendendo coma tal o íntimo acto de coller un libro e mergullar no seu interior, nun acto de reflexión, de comprensión, de participación da trama que o autor nos quere contar.

Hoxe en día a inmensa maioría de todos nós, e eles en particular aínda máis, vivimos á présa, e esa resulta ser a escusa perfecta para declarar sen pudor nin vergoña que "non temos tempo" para perdernos no interior das páxinas de calquera dos miles de libros cos que poderíamos ter unha vida mellor, máis axeitada aos nosos soños e fantasías de homes e mulleres.

Collemos un xornal e folleamos as súas paxinas, saltando dun titular a outro, en función da tipografía das letras, o impacto visual da foto, ou o rechamante do titular. As revistas de investigación, as de especialidades do tipo que sexa, mesmo as de divulgación, pasan de man a man nas consultas dos médicos e especialistas, e posiblemente lle dedicamos máis atención ás do cotilleo, ou famoseo do corazón, ca outras de viaxe, de natureza, ou de temas máis selectivos. Ollamos, infinidade de veces as páxinas de internet, as das redes sociais, os blogs de amigos e coñecidos, os tuits dos famosos, coma o drogadicto baixo o síndrome de abstinencia. Hai tempo que me deixou de chamar a atención atopar unha ringleira de rapaces sentados no chan, ou sobre os escalos dunha escalinata calquera mirando os seus móbiles, en vez de estar falando entre eles, agora xa mesmo os corentóns e as avoas no parque. A imaxe de alguén na praia lendo un libro mentres toma o sol pasou a historia, e gárdanse nas hemerotecas, onde as poderán consultar as xeracións futuras asombradas, preguntándose que o que está a facer aquela persoa sobre a area dunha praia calquera.

Como moito, admito que aínda hoxe algúns de nós collemos un libro, négome a recoñecer o acto de ler nunha tablet desas sexa o mesmo, e pasamos a vista sobre as letras de esquerda a dereita, pero teño moitas dúbidas de se basta con iso para sentir as emocións que o escritor plasmou nos personaxes da súa historia, se será suficiente para que no acto da lectura das súas paxinas, alcancemos un mínimo estado crítico de análise do texto, a problemática da historia, o contexto histórico, a calidade literaria, o uso correcto do idioma, en definitiva, todo iso que significa ler.

E non quero entrar co bisturí na disección do moderno fenómeno dos best seller, auténtica moda aínda peor cas pasarelas dos modistas, que se rin de nós, vendendo fume, o único que lles interesa, auténtico lixo, canto máis purulento mellor, sobre todo no caso das merdorentas autobiografías, noxo patético co que alimentar os máis baixos instintos da mass media analfabeta que interesa manter co panem et circus.

Neste absurdo mercado global do mercadeo, a literatura estase a converter nunha noxenta moda máis, no que consumir e tragar resulta imprescindible para que o sistema continúe ata o infinito e máis alá. Nada máis afastado e falso que considerar e equiparar a literatura e os libros cunha moda ou tendencia, porque iso é tanto como afirmar que a necesidade de aprender e descubrir dos homes, de soñar e vivir, vai estar supeditada ao beneficio, aos xuros e escuros desexos dos mercados, ao capitalismo e aos seus bastardos fins consumistas e financeiros.

Ler xamais pode ser unha moda, o pensamento e a reflexión nunca poderán ser controlados, se acaso como estamos a ver e vivir nos últimos tempos, si manipulados e enganados, pero canto menos leamos máis dúctiles e manexables seremos e máis analfabetos e años mansos e doces, camiño do matadoiro.

Compartir el artículo

stats