Opinión | segunda feira
X.L. Méndez Ferrín
Galicia e xenocidio
Chamáronme a atención por escribir como Dainoff o apelido do médico de Ourense que un día fora o primeiro neno da cidade en ser chamado "bebé". Dainoff, cargando moito no efe xeminado, dicían a miña nai e Pilar Fernández-Barxa, a cal se criara na mesma casa da Praza Maior na que tiñan a clínica os dentistas rusos, que por certo non lle cobraban aos pacientes en má situación económica.
Dainoff era como se dicía e escribía en Ourense, pero, na realidade, el era Volodia Dainow, e o "w" que usaba debería lerse como labiodental sonora ao modo alemán. A súa dona usaba o apelido de solteira e era Marie Dicker. Todo aparece moi ben explicado na bitácora ou blog, non sei, titulada, ao modo Luís Pimentel, "Diario de un médico de guardia". Autor: David Simón, Ourense. Os Dainow-Dicker, e os seus fillos, fuxiron de Galicia en xullo de 1936. Logo foron presos na Francia ocupada polos nazis e internados no campo de concentración de Drazy, exclusivo para xudeus franceses. Desde ese campo particular saían os infelices para outros de exterminio.
Na revista "La Lettre Sepharade", da que eu fun socio protector, lin a relación dos viaxeiros dun tren especial que saiu de París cargado de xudeus sefardíes franceses que ían legalmente a España, seguramente acollidos ao decreto de Primo de Rivera inspirado polo doutor Pulido.
Entre moitos apelidos sefardís eu atopei os apelidos askenizis, e yiddish, Dainow e Dicker. Os dentistas regresaban a Ourense seguramente confiando na súa condición de nacionalizados españois. Ela, Marie, morreu en Irún e a el, Volodia, perdémoslle a pista. Outros xudeus residentes en Galicia desde había moito tempo sofreron cruel persecución en 1936. É ben coñecida a sorte adversa da familia Kuper de Vigo, e dela temos tratado no Faro. En canto aos Sbarsky de Pontevedra, o horror acentúase. Abraham, o pai, vai parar á illa de San Simón. O seu fillo, Jacob, xulgado, xunto co dirixente galeguista, e, coma el, condenado a morte e fusilado na Caeira.
Para min sería moi importante que alguén escribise unha historia das persecucións e crimes cometidos en Galicia dos que foron víctimas xudeus nosos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un perro muerde a una vecina de Navia cuando protegía a su perra del ataque: Eira huyó pero apareció tras tres días perdida
- La Guardia Civil investiga vertidos durante unos trabajos de reparación de un barco de pasaje en Bueu
- La Guardia Civil logra frenar una estafa de 46.300 euros con criptomonedas a un pontevedrés
- Comprar en el centro de Vigo es tres veces más caro que en la periferia: así están los precios del metro cuadrado por barrios
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Sin consenso en Vigo por Peinador: Abel Caballero insiste en que «solo hay un modelo» y Luisa Sánchez lo acusa de «despreciar» fondos de Diputación y Xunta
- El mosquito tigre se extiende en el área de Vigo: cómo evitar y paliar su persistente picadura
- Un niño alerta al 112 de un incendio en su casa en Vigo mientras su madre intenta apagarlo