Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

A Fin da Historia aínda non é

Hai xa anos, Ir Indo convocou un simposion pola ruína do Mauer "par excellence"

Hai xa anos, Ir Indo convocou un simposion de intelectuais moi motivados pola ruína do Mauer "par excellence" ou Muro de Berlín. Un tal Fukuyama, funcionario da NATO Intelectual, propalara a idea de que a Historia chegou á súa Fin. Que o mundo, unificado e capitalista, xa non deixaría paso ao conflicto e que a loita de clases se convertira nunha entelequia. Os asistentes ao encontro, na súa maioría, concordaban con Fukiyama, a quen eu lle apreciaba un sospeitoso apelido oronímico relacionado cos volcáns apagados. Alguén dixo: seguirá habendo conflictos pero eses resolveranse pola mediación e humanísticamente (ou humanitariamente, se cadra dixo o ponente). Despois viñeron as guerras do Golfo. O Fin da Historia significaba que se podía demoler, coma un Buda xigante e co concurso dun Islam adecuado, o réxime laico e progresista de Afghanistán, onde as ministras marxistas levaban as cabeleiras ondexando ao ar. Terminaron por entorcar polo pescozo a Saddam Hussein, presidente baasista.

Fixeron carnicería con Gaddafi e hoxe ningún (ou case) dos meus lectores sabería decerme a cales compañías pertencen os pozos de petróleo de Iraq e de Siria. Sabemos que son dunhas cantas compañías occidentales do mesmo modo que sabemos que antes das masacres as riquezas do subsolo de Iraq e de Libia eran propiedade do pobo e estaban administradas polo estado socialista panárabe. O Fin da Historia era isto, pois. Pero non funcionou, o paradiso neoconservador capitalista que chamaron globalización e que dirixían os EE UU. Ao doutor Bachar El Assad tamén intentaron enfocarlo ou tortúralo até a morte coma a Cristo Xesús.

Pero non poideron repetir os crimes porque Rusia lle cortou o paso á Fin da Historia. Igual ca chineses, que teñen unha longuísima Historia, non estiveron de acordo con poñerlle Fin. Eles agora son donos de CENSA, de Rodman, de Albo, e non só de restaurantes e de armacéns de cilindradas eiquí en Vigo onde escribo. Naturalmente, Abanca é venezolana, pero iso non se pode decer. Marx falou da Fin da Historia, aínda que colocou tal estado de cousas nun horizonte que ningún dos vivos verá. De momento a Historia, e a Contradicción, continúan. Gañou, limpo, en Nicaragua o comandante Ortega. O chavismo resiste despois de gañar unhas vinte eleccións, algunha das cales so a supervisión de axencias norteamericanas. Xa o Imperio non pode matar Allende ningún. A globalización estopou, a UE estrou en descomposición.

Nalgún punto do aparato do Imperio alguén relembrou con saudade a feliz invasión da bela e minúscula Grenada. E o Imperio, maltreito, reacciona colocando a cariátide oportuna no cumio dos poderes. Xa iremos vendo o que pasa. De momento, Ortega.

Compartir el artículo

stats