Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Camilo, a razón esperanzada

Baixo o lema "A esperanza razonada, a razón esperanzada", Camilo Nogueira recibiu o pasado venres en Compostela a gran homenaxe que merece. Un serán no que a música de Tundal, Pardal na rúa e Uxía serviu para enfiar o retrato humano e político dun home recoñecido por todo o país pola súa coherencia e honestidade. Unha noite inesquecible onde no escenario do Auditorio de Galicia as doses de emoción mergulláronse coas de reflexión sobre unha terra cantada e construída dende unha tranquila autoconfianza nas propias posibilidades.

As intervencións dos voceiros dos partidos representados no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leicega (PSdeG-PSOE), Ana Pontón (BNG), Pedro Puy (PPdeG) e Luís Villares (En Marea), que recoñeceron as contribucións decisivas do vigués ao desenvolvemento do autogoberno, constituíron un fito que sitúa a Camilo como un referente histórico da Galicia de entre séculos, ao tempo que abre unha xanela de esperanza para recuperar no futuro inmediato consensos e posicións orixinais en temas de país. Unha xusta reciprocidade das forzas parlamentarias con quen ao longo da súa vida política foi un militante do diálogo ilimitado cos seus adversarios, aos que sempre respectou na discrepancia, mais sen renunciar nunca a convencelos das súas posicións.

Na figura deste fillo dos Romanciños, lugar do barrio de Riomao de Lavadores, celebramos as cualidades dunha persoa boa e xenerosa na que identificamos os valores do galeguismo republicano e da esquerda galega, mais tamén na que recoñecemos unha forma singular de estar no mundo, adoptando como posición vital un optimismo construtivo, natural e contaxioso, traducido en afouteza na defensa das súas conviccións tan firme que chegaba a ser considerada como expresión de teimudez.

Xaora, en Camilo admiramos a un cidadán comprometido coa súa xente e o seu país, mais ao que ningunha causa ou problema do seu tempo lle resultou allea. Na homenaxe as palabras de agarimo e admiración dos seus compañeiros e compañeira dos Verdes / Alianza Libre Europea, grupo do que formou parte no Parlamento Europeo de 1999 a 2004, expresaron a súa valiosa achega na construción do proxecto da Europa sen fronteiras, hoxe máis necesario ca nunca, cando semella que a utopía europeísta comeza a ser derrubada pola xenofobia populista.

Xunto a outros membros da súa xeración, Camilo comprometeuse no proxecto, aínda inconcluso, de reconstrución do nacionalismo galego, liderando os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (Galicia Socialista, POG, Esquerda Galega e PSG-EG). Dende cada unha destas formacións, Nogueira contribuíu á modernización do proxecto nacionalista, desenvolvendo un programa global e sectorial capaz de construír Galicia como auténtica nación política, aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas, e promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía.

Dende estas formacións políticas, ás que podemos denominar de "Esquerda Galega", Camilo ofreceu unha proposta organizativa, comunicativa e programática para o conxunto do nacionalismo galego que, quizais, anticipou varias décadas a bautizada agora como "nova política". Un nacionalismo que non é nin credo nin relixión senón apenas unha proposta de autoorganización que procura o autogoberno para Galicia e as maiores cotas de benestar e igualdade para toda a súa cidadanía. Ademais, Camilo dedicou moito tempo da súa vida a estudar e divulgar de forma teimosa a historia de Galicia para denunciar así a ideoloxía españolista e a marxinación inxusta á que foi sometida durante os últimos dous séculos. Afondou tamén nas raíces do galego, que concibiu sempre como lingua universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas, un xeito de pensar o mundo dende Galicia en constante diálogo co noso tempo.

En definitiva, como sinalou Manuel Rivas na homenaxe, "Camilo encarna todo aquilo no quese pode confiar", ou como expresou Suso de Toro, "Camilo representa o mellor de nós, a aposta de toda unha vida para que a nosa sociedade galega sexa capaz de solucionar os seus problemas por ela mesma". Camilo é o modelo de home coherente e honesto, práctico e apaixonado, épico e lírico, reflexivo e soñador, curioso e rigoroso, velocista e maratoniano, atacante e defensa. Nogueira representa a esperanza razonada dunha Galicia con futuro no marco da Europa dos pobos, unha Galicia construída dende unha razón esperanzada por xeracións chantadas nas raíces da autoestima do presente. Contra tantos prexuízos existentes, a figura de Nogueira demostra que en política aínda hai persoas boas e honradas, servidores públicos que merecen o noso agarimo e recoñecemento. Beizón, Camilo!

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats