Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Moito antes do Maio francés

Con frecuencia se di que o movemento universitario galego de 1968 foi un eco do maio francés. Nada máis lonxe da verdade. No mes de maio de 1968 os estudantes galegos xa abandonaran a folga xeral e estaban todos en clase, despois dunhas loitas e debates ideolóxicos masivos que fixeron historia. Bo número de universitarios galegos en maio do 1968 estaban tamén expulsados das súas facultades, con expedientes académicos abertos e algúns encartados polo TOP tras de seren duramente interrogados pola BPS.

Pídenme que explique cales foron os núcleos dirixentes organizados que, a través das asembleas e dos postos de delegados de curso e de facultade, estiveron á cabeza do acontecemento. Temo equivocarme, pero se miro no Fondo dos Espellos vexo os seguintes grupos ideolóxicos e políticos en función hexemónica. A orde en que os cite non implica relevancia especial nin preferenza miña.

Vexo, así ADE, algúns de cuxos dirixentes pertencían ao FLP (Frente de Liberación Popular), seguida do grupo FSU (Frente Socialista Universitario), organicamente dependente do Partido Socialista en el Interior, de Tierno. Os estudantes da UPG (Unión do Pobo Galego) estiveron onde lles correspondía. Do Partido Comunista de España (M-I) xa temos dito algo noutras ocasións. Os estudantes do PCE (Partido Comunista de España, carrillistas) estiveron activos en vésperas de constituírse oficialmente. Un PSG e un PSOE volátiles tiveron algunha parte no movemento a través da Liga Democrática, con sede en Vigo, moi dinámica politicamente naquel intre. Non lembro con claridade se no 68 compostelán o Partido Comunista de España (internacional ou internacionalista) se deixou xa sentir. Unha certa presenza cristiá progresista, asistida por cregos animosos, parecíanos evidente aos que observabamos de fóra o que pasaba en Compostela. O piñeirismo, en todas as súas formas, non exercía influencia na Universidade, o que non impediu que as tendencias e grupos en presenza evoluísen a posicións galeguistas e nacionalistas de esquerda.

O himno do movemento foi a canción de combate norteamericana "We shall overcame", traducida ao galego como "Venceremos nós", moi libremente. O himno galego cantábase en cada concentración e en cada acto. Da lectura do Boletín Informativo, clandestino e ilegal, "de la Universidad Gallega", sacabamos en conclusión que existía un consenso sobre a condición galega e soberana daquela inmensa protesta. Nos panfletos estudiantís, a "Universidade de Santiago de Compostela" mudou este nome polo de "Universidade Galega". O derradeiro dos boletíns estaba escrito en galego e en castelán, o cal constituíu un avance sen precedentes na asunción colectiva da nosa lingua. Igualmente, foi no 68 universitario galego cando se comezou, sequer moderadamente, a falar en galego nas asembleas.

Compartir el artículo

stats