Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vocal da Organización de Productores Lácteos

A atomización do sector lácteo

Nestes días que tanto se fala de gran grupo lácteo galego e de integración de cooperativas dende a OPL atrevémonos a sacar unhas conclusións, logo de analizar a realidade que vivimos e as ferramentas que debemos por en marcha para mellorar a nosa situación no futuro.

A realidade do sector lácteo galego caracterízase pola atomización de todas as estruturas: parcelas pequenas, granxas pequenas, industrias pequenas... Con niveis de eficiencia mellorable en cada un dos estamentos da cada de valor.

Os gandeiros da OPL necesitamos a redución do número de cooperativas, co obxectivo de adelgazar toda a estrutura entramada ao longo dos anos e así mellorar a eficiencia dese eslavón e convertelo nunha ferramenta máis útil, que nos aporte máis competitividade nos servizos, para mellorar os nosos custes de produción e para obter máis competitividade á hora de vender a nosa produción, e así mellorar a marxe pola actividade económica que desenvolvemos, coma calquera empresario.

Os gandeiros da OPL non atopamos moito sentido a seguir mantendo cooperativas que resultan unha carga económica, porque cada unha das 60 cooperativas que teñen as súas estruturas repetidas 60 veces, con 60 xerentes, secretarios, administrativos, gastos financeiros, instalacións, etc., ben sexa para distribución ou fabricación de insumos dos que precisamos. En resumo, unhas estruturas sobre dimensionadas que poderían prestar servizos aos gandeiros de dúas ou tres Galicias, estruturas que debemos adaptar ás necesidades dos propietarios legais, os socios, porque con moitas menos cooperativas poderían prestarse os mesmos servizos ou mellores, de maneira máis eficiente.

Pero a mellora da eficiencia e eficacia das estruturas cooperativas tamén debe facerse valer cada vez que un gandeiro, socio e propietario dunha cooperativa precise que a súa produción sexa posta no mercado con niveis de calidade e prezo por enriba doutras empresas no mercado, coas que por forza temos que competir. Máis aínda coa dificultade de competir con xigantes como Lactalis President., que vai aplicando prácticas empresariais para facerse co monopolio do mercado lácteo do estado.

Unha vez analizadas as necesidades dos gandeiros, socios e propietarios das cooperativas galegas e a realidade do sector podemos valorar a integración das cooperativas das que tanto se fala este días nas tertulias da xente interesada no sector. Vendeuse tal integración como a creación dun gran grupo lácteo e fálase de cifras como 410.000 toneladas de leite ou 20% do leite de Galicia. Enalteceuse o proxecto de integración, cando a realidade desta integración é que solo ten coma obxectivos marcados, ata o momento, a reorganización dos servizos entre as cooperativas integradas. En ningún momento se fala de industrializar nin comercializar o leite que se suma entre todas nin total nin parcialmente. Polo que botamos en falta máis ambición e compromiso por vender o leite dos socios gandeiros e propietarios, xa que é unha das dúas carencias que buscamos eliminar cando nos facemos socios / propietarios dunha cooperativa.

Xa sabemos que non é fácil, pero os gandeiros, socios e propietarios debemos esixir á dirección das cooperativas máis ambición e compromiso por vender o noso leite, porque nos marchan os cartos por aí. Mentres vemos outras iniciativas con menos masa social, menos implantación no territorio, menos facturación acumulada, menos leite con falta de vender, que se comprometen no intento de facer a industrialización e a comercialización do leite o seu obxectivo, por exemplo o proxecto de DairyLat, marcando coma obxectivo a transformación do leite en queixos e tamén o secado de leite ou soros para a produción da leite en pó ou outros derivados lácteos.

Tamén podemos tomar coma exemplo a posta en marcha en Teixeiro doutra empresa chamada GoodLait para o secado de leite e extracción de compoñentes. Si estes exemplos de iniciativas empresariais son posibles, tamén debemos insistir na necesidade de poñer en marcha, dende o primeiro día, un proxecto que aporte valor engadido ao leite e tamén maiores ingresos aos socios / propietarios das cooperativas, ben sexa polo prezo do leite ou polo reparto de dividendos.

Dende a OPL atrevémonos a dicir que necesitamos unha cooperativa solvente para vender mellor o noso leite e mercar mellor os insumos que precisamos. E todo o que nos atrase de alcanzar eses obxectivos debe ser reconducido e esixido polos gandeiros.

Compartir el artículo

stats