Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

No me toreen

Nin que dicir ten, e toda vez que se trata dunha verdadeira noticia de alcance internacional -ou, qué digo/escribo "internacional"!: falemos/relatemos máis ben arredor dunha novidade de alcance galáctico ou mesmo cósmico!-, supoño que todos Vdes, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, han de estar perfectamente ao cabo da mesma. E non; non me refiro a iso que veñen contando os demais medios de información e que esbardallan, digo explican/relatan, determinados (autoproclamados) líderes de audiencia, creadores de opinion, tertulianos de postín/postineo ou incluso, non podían faltar nunca á cita, as terminais de terminais provincianas que nos toca aturar pola contorna. A ver: segundo puideron saber de cristalina fonte os nosos espías acreditados na villa y corte, capital das Españas -e que viñeron confirmar aínda esoutros que se xogan a vida a diario polas ramblas (proto)estranxeiras da ciutat condal-, velaí que, en menos de nada, o Tribunal Constitucional español -respondendo de forma exemplarizante diante do desafío arreo dos desafectos, impíos e volterianos rebeldes de Cataluña- vai emitir unha segunda, e moi contudente, sentenza respecto da cousa da tauromaquía naquelas terras tan afastadas de Deus, pero próximas aos gabachos. Canto ao contido da tal, podo adiantar, aquí e agora, que os maxistrados decidiron de forma irrevocable, e para alén de calquera impugnación ou subterfuxio xurídico, que todos os cataláns e catalás han de participar, sen excepción e desde xa!, de forma activa en todas e cada unha das numerosas corridas de touros que de contado se van organizar polo principado adiante e/ou terras limítrofes dos outros territorios da coroa de Aragón. ¿Qué no quieres una taza? ¡Pues tómate dos, Catalina, digo Carme Forcadell!

Así as cousas, tal semella que, cautivos e resignados, aqueles réprobos decidiron finalmente volver ao rego. Sen ir máis lonxe, D. Artur Mas i Gavarró está disposto a ser, el mesmo, quen lidere o "paseíllo" das primeiras cuadrillas que desfilen pola reaberta e renovada praza Monumental barcelonesa. Para a ocasión, dubida "Finito del Poblenou" entre vestirse de grana y oro -de moda, si, pero acaso demasiado evidente- ou escoller -¡chulo que es uno!- esoutra combinación en rosa y perla que lle devén monísima; sexa como fose, Arturo vai agardar o primeiro morlaco que lle boten a porta gayola para logo continuar a lidia, capote e capa, con exuberancia e prodigalidade en verónicas, chicuelinas, gaoneras, naturais, molinetes, manoletinas e pases de peito mirando para un tentido embelesado, engaiolado e entregado por completo á resolta maxia do inefable "maestro". "Voy a los toros/porque esta tarde Arturo torea,/que es el más grande/y sus faenas derroche de emoción,/son todo arte, valor y corazón./Arturo eres el más grande,/aunque no seas madrileño/rival de Belmonte, José,/Machaquito, Pastor y El Algabeño./Por ti vamos a los toros,/por ti solo hay afición,/Arturo, si te retiras,/perderá la Fiesta toda su emoción." ¡Ole, ole y olé!

Da súa parte, mentres, D. Oriol Junqueras i Vies está completamente decidido: o seu novo oficio non pode ser outro que o de picador, utilizando con soltura a vara longa e "puyando" con destreza, e sen inmutarse diante dos asubíos dunha parte do respectable que sempre a toma cos subalternos que van dacabalo. A pé -e para tal mester leva practicando toda sorte de quebros, caneos, despistes e carreiras- si que vai actuar D. Carles Puigdemont Casamajó, magnífico na sorte de "banderillas". Canto á xa mentada, Dna.Carme Forcarell, terá ao seu cargo a importante misión de presidir tan magno acontecemento; cabe agardar que saiba combinar Dna. Carme o máis fiel respecto ás regras da arte de Cúchares cunha certa xenerosidade na hora de conceder orellas e demais trofeos, atendendo ás preceptivas peticións que cheguen desde tendidos e barreiras. En fin, dado o seu estado de boa esperanza, Dna. Ada Colau verase libre, polo momento, de maiores actuacións: daquela, chegará con que acuda á "fiesta" con abano, peineta e vestida elegantemente de mantilla española. A cambio, cada un dos "diestros" participantes han de brindarlle o primeiro do seu respectivo par.

"Moi bonito, si -retrucarán algúns- pero... e os da CUP? Quen vai poder con eses? A verdade é que non os miro eu metidos en faena..." Tranquilos, non hai problema! Atendendo á variedade rexional española, os do Tribunal autorizan que D. Antonio Baños Boncompain vexa resultar ser o cabo do grupo de forcados no que han de formar os mozos -e mozas, que non haxa ningunha acusación de sexismo- máis afoutos da súa formación; para tal proceder, xa andan os referidos a practicar día si e día tamén en compañía do Grupo de Forcados Amadores de Montemor-o-Novo, localidade que, como certos xeógrafos saben nos Madriles, vén estar situada na provincia de Lleida: entre Amorebieta e Viana do Bolo, mesmamente!

Compartir el artículo

stats