Un novo tomo da Historia da Literatura Galega, de Xosé Ramón Pena, (Xerais) acaba de saír á rúa. Estamos perante unha grande obra na cal o seu autor vai desenrolando perante os nosos ollos a historia de Galicia no interior da cal, e como parte dela, se sitúa a historia da literatura. Enténdese na obra, como é xusto, que literatura galega é a que está escrita en galego. Abrangue o volumen que mencionamos un período glorioso que se abre coa erupción múltiple que foron as Irmandades da Fala (1916) e se pecha con sangue, demasiado sangue, no alzamento fascista de 1936.

Lendo a obra critico-histórica de Pena calquera pode chegar á conclusión de que eiquí hai unha desproporción. Galicia é unha nación minorizada e non recoñecida políticamente ("nacionalidade histórica", reza na Constitución) á que as leis non lle outorgan dereitos plenos á lingua orixinaria. Sen embargo, a literatura galega, desde o século XIII aos nosos días, con algún período de empobrecemento, loce e rutila coma a dunha grande Nación. Hai editoriais, distribuidoras de libros, revistas culturais e a literatura galega forma parte dos plans oficiais de ensino.

Acaba de morrer, aos trinta e un anos, o poeta Francisco Cortegoso. El representa moi ben un novo tipo de escritor en Galicia. En primeiro lugar, monolingüe galego. Despois diso, Cortegoso estivo aberto á propia tradición literaria (sabíase dentro da historia da literatura galega) pero a súa poliglosia levábao a visitar doadamente as poéticas dos mundos externos. Era, e seguirá sendo, Cortegoso un formidábel poeta nun tempo de excelencia literaria, moi especialmente concentrada en autores novos que, cada vez con meirande intensidade e frecuencia, son autoras.

Os libros de Francisco Cortegoso, dous, foron editados por Espiral Maior e por O Chan da Pólvora. A pesar da grandeza das nosas letras, a prensa do país carece, en xeral, de fascículos, suplementos ou sección regulares dedicados á producción editorial en galego. Fanse eco dos premios e novidades de Madrid ou da Barcelona castelarizante pero o tratamento que a prensa e os medios en xeral fan das letras galegas é unhas veces condescendente e outras amosa unha clara hostilidade.

Vexan que o único suplemento xornalístico escrito en galego sobre literatura é o "Faro das Letras", publicación brillante e sólida que este xornal ofrece cada semana aos seus leitores. Fagan unha experiencia: observen os escaparates das mellores librerías da cidade na que vivan. Encontraranse con que ou non hai libros en galego expostos ou, se os hai, aparecen situados nos lugares menos visibeis. Naturalmente, o asunto non termina eiquí. Continuará.