Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

1898

Día da Patrona da Guardia Civil, Virxe do Pilar á súa vez Patrona de España. Día da Raza. Día da Hispanidad. Día, a penas de España. Ou sexa: demasiados días e padroados confundidos. En todo caso o pasado 12 de outono foi unha ocasión perdida para Raxoi pedirlle aos EE UU a libertade de Óscar López Rivero, preso nos EE UU por defender valores da Hispanidad como son a permanencia da cultura de espresión castelá en Puerto Rico. Ocasión perdida foi o 12 para lle esixir ao sultán de Marrocos a libertade do pobo árabe saharaui que mantén, con teimosía e lealtade, a lingua castelá no seu captiverio interminábel. Pero en Madrid ninguén sabe que foi feito do Instituto de Cultura Hispánica que tan disparatada como xenialmente decorara Urbano Lugrís.

Agora as queixas, e ben amargues, son para En Maré e os seus socios, que non apareceron no desfile de Madrid para lle aplaudir a unha Legión máis ben engordada, diminuida e pouco veloz. Que Hispanidade propugna este réxime que mandou un embaixador de España en Viena a faltarlle ao respecto ao presidente Evo Morales, que é o indio aymara que proclamou en Bolivia a república plurinacional? A Hispanidade foi morrendo cos paus que lle daban, non En Maré, non Cataluña, non Otegi, senón os colegas do rexime vixente en España. A Hispanidad quedou ferida de morte o día no que o rei vello ("que Deus confonda", dicía o trovador medieval) lle puxo ma cara a Chávez e lle chantou a frase inmortal: "Por qué no te callas?". Máis tarde ocorreu o episodio dos elefantes, pero o seu escenario foi África. Ou sexa, o continente no que España deixou ir Guinea Ecuatorial aos brazos amantes da Francofonía, a poder de insultar o seu goberno a prensa de Madrid cada vez que se refere á antiga colonia. Tamén quedou ferida de morte a Hispanidad o día en que Aznar póndose nos bicos dos peíños, deixou asomar o chavello "agote" da súa estirpe e lle pediu, nada menos que a Fidel Castro, que fixese as malas. Exactamente a impertinencia foi esta: ¡A ver si mueves ficha!.

Lembran cando Franco, que acreditaba na Hispanidad, destituiu o embaixador de España, Lojemdio, por este lle faltar ao respecto a Fidel Castro? Francia, Inglaterra, Portugal, tecen con primor, e con astucias infinitas, a tea das súas antigas colonias. Os españoles, ou españois, esqueceron que os EE UU ocupan indebidamente territorio deles en Guantánamo, onde conculcan todos os días os dereitos humanos máis elementais. O goberno español intervén na política interior de Venezuela e apoia os que conspiran alí contra a legalidade democrática vixente.

En Vigo existen, aínda que modestas, estatuas a San Martín, a Bolívar, a Martí, pero encóntranse balorentas e suxas la de Martí máis?. A rúas que levan os nomes das repúblicas hispanoamericanas en Vigo son sentidas pola poboación como valeiras de afinidade histórica. Non se extrañe ninguén de que a esquerda realmente existente no Estado Español e En Maré quixesen, esta vez, honorar a memoria da Xeración do 98 e lle desen un bon plante ao desfile e ao festexo do 12 de outono.

Compartir el artículo

stats