Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De celeste vermello

Nada que obxectar. Calquera de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais-, ou incluso quen as redacta, pode ser o protagonista do conto: alguén, xa que logo, que lave a roupa nunha lavadora AEG; que vexa a televisión nun LG; que conduza un Toyota e beba cervexa Heineken; que percorra polas mañás a gama Nestlé; que ande a montar os Ikea; que teña unha conta no Barclays, teclee nun Samsumg e que lle dea ao pico mediante un Motorola... Alguén, ademais, que pode sentirse catalán-catalán, galego-galego e/ou español-español oé, oé, oé!, fiando todo seu creto en ilustres fillos de Girona e Vilanova i la Geltrú -tal vén ser o caso de Jordi Messinot ou Andreu Neymaret-, de Cangas -poñamos que Xoán Guidettiño ou Pepe Vermello (dos Verrmellos/Rossi de Aldán) ou mesmo de Majadahonda e Alcorcón, velaí Cristiano Ronaldo de los Santos e mais Gareto Francisco Bale. Agora ben; que eses mesmos club de fútbol: os "nosos" Barça, Madrid, Atleti, Spórting, Rácing, ¡viva er Betis manque pierda!, Dépor, Valencia... Celtiña de toda a vida acaben en mans alleas, singularmente -e tal e como veñen de anunciar todos os medios acreditados, este venerable rotativo sempre na vangarda- en mans (e carteiras!) orientais... iso si que non pode ser, María Teresa!! Porque, señores, os clubs de fútbol, talmente como a paella, o cocido, a Garda Civil, as películas de Almodóvar, Raphael e Azúcar Moreno, a lotería nacional e mais a trama Gürtel... son xenuinamente españois!!; até ese punto podiamos chegar!!

Que andan a buscar, entón, os chineses por Balaídos e mais as instalacións d´A Madroa adiante? Todo devén un simple e puro negocio, sen máis? Ou, ben polo contrario, son portadores, os nosos futuros donos chegados desde o Extremo Oriente, dalgunha sorte de axenda oculta?

Imaxinativos que se organizan -ou acaso non; hai razóns que escapan a toda razón-, non faltan, desde logo, aqueles que entenden que toda a xogada obedece a un plano perfectamente pensado e deseñado desde as máis altas instancias de Pekín. Polo visto, a cousa consiste en que nun futuro próximo a República Popular Chinesa sexa capaz de alzarse como brillante vencedora do Campionato mundial, para abraio de brasileiros, alemáns, italianos e tutti quanti. Mais para tal, faise necesario antes que o "deporte rei" se faga popular desde a Mongolia interior a Cantón; desde Shangai ao Tíbet; así na verde illa de Hainan como nas friaxes de Yinchuan. Emulando, daquela, os caneos, as gambetas, as lambrettas, as chilenas, colas de vaca..., mesmo, se é chegado o caso, os penaltis á Panenka e mais os pateos de "El Loco" Gatti, os rapaces que hoxe corren detrás do balón polos campos de Xi'an ou Tianjín serán capaces de proclamarse cumpridos campións mañá/pasadomañá, tempo ao tempo. En todo caso, a bandeira vermella ha de ondear no máis alto.

"Diso nada, monada!" -retrucan os outros. "Aquí do que se trata é de pura e dura economía. Os chineses teñen acumulados tantos e tantos euros; tantos e tantos dólares, tantos e tantos iens... que nin saben (ou si saben demasiado!) qué cousa faceren con eles." Donos que son (ou case), polo visto, da débeda mundial, semellante amoreamento ben pode devir pernicioso a medio prazo para a estabilidade do renmimbi (ou do iuan, como Vdes. prefiran) e de aí, pois, o afán por recolocaren os excedentes precisamente naqueles lugares onde se foi xerar o negocio. Traducido: diante do temor nova baixada dos tipos de interese e/ou de impago (mesmo parcial e/ou ás agachadas) da débeda por mor dunha recaída na crise, sobran en Oriente millóns e millóns de divisas cuxo valor podería esmorecer. Mellor, en consecuencia, resitualas cara ao Oeste. Así as cousas, o fútbol viría ser apenas a doada antesala doutros negocios máis lucrativos: ao cabo, que perseguen realmente D. Wang Jianlin e mais os seus cando se fan co control do 20% dun Atlético de Madrid máis e máis que endebedado? De veras que o seu obxectivo primordial está en que os seus compatriotas mozos veñan imitar as xenialidades de Antoine Griezzmann ou os desmarques de Kevin Gameiro? O Atlético, certo é, anda a procurar cartos debaixo das pedras; pero o Atlético, asemade certo é, posúe terreos edificables: nin máis nin menos que aqueles á beira de Campamento -agora mesmo propiedade do Ministerio de Defensa-, de entre os máis codiciados na "villa y corte".

Que queren de nós? Bateas, asteleiros, fábricas de conservas... ou é que están pero que moi fascinados con Iago Aspas? Trátase de negociantes ou de frikis do balompé? O seu vafán én causado polo noso marabilloso porte ou, simplemente, pola pasta gansa? Polo momento, os confidentes -secretísimos- deste cronista non deron aínda coa información definitiva. Non obstante, e por "si es caso", que vaian sabendo na praza de Tiannanmén que o Celtiña e mais a ría teñen historia e categoría!!

Compartir el artículo

stats