Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Temos visto pasar cóndores

Toda cousa leva en si o seu contrario, rezan venerabeis sabedorías orientais. O cóndor é a ave cuxo vóo espléndido inspirou Neruda para el cantar a alma da América nas alturas do Machu Pichu. Houbo unha xeración namorada do cóndor por efectos das voces e música de Simon e Grafunkel. Pero Lexión Cóndor chamábase a unidade das forzas aéreas alemás que veu bombardear territorios da República Española e que mesmo reduciu Guernica a borralla. Picasso soubo de tal vergoña. Na historia negra de Vigo constan honores recibidos pola Lexión Cóndor en ocasión do embarque dos seus membros para regresar á Patria.

Os designios do departamento de estado dos EEUU no que respecta a impoñer feroces dictaduras militares fascistas no Cono Sul e outros maus feitos levaron o nome do Cóndor. A instrucción de militares sudamericanos para eles daren golpes de estado, torturaren, mataren a eito e implantaren reximes económicos neoconservadores levaron o nome do Cóndor. O Plan Cóndor encheu a América Latina de tristura, violencia, medo e miseria.

O Imperio xa non pode repetir a Historia. Poido asasinar a Allende e impor un totalitarismo en Chile. Hoxe nin en Venezuela nin en Bolivia nin en Nicaragua nin en Uruguay nin en Ecuador, onde existen reximes democráticos progresistas e de esquerda, xa non parece haber militares dispostos a obedecer as ordes do Imperio e dar golpes. Co cal, o Imperio escolleu a alternativa dos golpes xudicionais, amorosos, da subversión de rúa, da propaganda. O método das contrarrevolucións de diversos cores fora ensaiado no Leste de Europa e tivo o seu episodio máis negro na contra ucraína e as primaveras árabes.

Non se podía permitir que Raul Castro se cubrise de gloria ao propiciar o proceso de paz en Colombia. Non se podía permitir que as odiadas FARC demostrasen perante o mundo que podían converterse nun movemento político, sindical e de masas, polo tanto capaces de conquistar pacífica e democráticamente o poder. E fixeron naufragar o referéndum da pacificación de Colombia.

Unha das grandes intelixencias contemporáneas de Sudamérica, Rafael Correa, púxolle nome á conspiración. A contrarrevolución provocada polos EEUU mediante insurrección e desorde e propaganda mediática, a falta de militares dispoñibeis, chámase Segundo Plan Cóndor. Veleiquí que, de novo, o cóndor pasa. Pero, insospeitadamente, o presidente de Colombia, impulsor do referéndum da paz, J.M. Santos, recibe o premio Nobel da Paz. Esta vez, os noruegueses, seguramente imbuídos de ética protestante por estarnos a piques dos cincocentos anos da Reforma, fixéronlle ao Imperio o maior dano que lle podían facer ao lle outorgar a Santos este premio da paz que lle esborrallou os plans ao Imperio.

Compartir el artículo

stats