A idade media de acceso ao primeiro teléfono móbil propio segue descendendo. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) indican que o 69,8% dos menores españois de entre 10 e 15 anos dispón dun teléfono móbil. En xeral, os rapaces e rapazas reclaman cada vez con maior precocidade a dispoñibilidade dun smartphone. Entre os pais e nais as experiencias son ben distintas: algúns non resisten a presión e terminan cedendo antes do que tiñan pensado, outros mércanlles o terminal antes incluso de que os seus fillos/as o demanden porque o consideran unha ferramenta útil, e outros aguantan estoicamente as peticións e chantaxes emocionais ("porfi, porfi, porfi", "son o único da clase que non o teño", "o que queres é que non teña amigos").

Pero... que facer? Debo mercarlle realmente un smartphone ao meu fillo/a? Baixo o meu punto de vista, non existe ningún motivo polo que a resposta deba ser diferente dun si. Nun mundo tecnolóxico como o de hoxe, illar ao noso fillo non é a solución. Non debemos demonizar os smartphones, nin Internet e as redes sociais. As TIC non son unha moda, nin algo pasaxeiro, senón que viñeron para quedarse. Non nos enganemos, gustan a maiores e pequenos, evolucionan dun xeito vertixinoso e é preciso actualizarse de maneira regular para non quedarse atrás, pero son ferramentas tremendamente útiles para a aprendizaxe, o ocio, o entretemento e, principalmente, a comunicación e as relacións interpersoais, tan importantes no período da adolescencia.

E entón... cando? En liñas xerais, diría que o paso da educación primaria á secundaria pode ser un momento axeitado para facelo. Ter móbil sería algo así como un rito de iniciación á súa adolescencia, a chegada do gran estirón. Porén, non creo que esta sexa unha resposta única e universal, senón que existen diversos factores a ter en conta á hora de decidir. Por unha parte, debemos prestar atención ao proceso madurativo do propio adolescente. É posible que unha rapaza de 12 anos máis infantil non reclame con tanta vehemencia ter un smartphone como a súa compañeira de clase que xa está comezando a preadolescencia. Por outra parte, certas circunstancias persoais ou familiares, pódennos facer pensar que o momento de mercarlles un móbil (xa ou aínda non) chegou.

E daquela... como? Nun primeiro momento, ás nosas fillas gustaralles ensinarnos como retocaron unhas fotos coa súa nova app, a súa habilidade co videoxogo online de moda, ou o último videoclip do seu cantante favorito. Por iso, acompañemos os seus pasos na Rede,deixando tamén espazo á súa privacidade. Por outra banda, que o noso filla teña móbil, non significa que teña que pasar de 0 a 100, de non telo a estar con el as 24 horas do día. Pode comezar, por exemplo, a utilizalo durante a fin de semana. Despois o acceso pode ampliarse a algunhas tardes entre semana, ata chegar a utilizalo a diario, sen que iso sexa sinónimo de sempre e en todo lugar. Debemos establecer límites: por exemplo, a partir das dez da noite os móbiles descansan nun dormitorio tecnolóxico na entrada da casa, ao colexio non é preciso levalo, mentres estamos sentados á mesa os móbiles non se consultan...

Pero máis importante que todo isto, é educar aos nosos fillos no uso responsable do seu smartphone. Predicar co exemplo, ensinarlles a ser respectuosos nos seus comentarios nas redes, da mesma maneira que o son no contacto cara a cara, e a non aceptar solicitudes de amizade de descoñecidos, porque en moitas ocasións non son quen din ser. Tamén é necesario lembrarlles a miúdo que perdemos o control sobre todo aquilo que subimos á rede, que o dereito ao olvido dixital a día de hoxe non se pode garantir, que o que envíen por Whatsapp pode chegar ás pantallas de calquera, que cousificarse non é o camiño para conseguir máis Me gusta, que recibir unha fotografía ou un vídeo non lles da dereito a difundilo, que non deben tolerar insultos ou ameazas a través da Rede, e que poden contar connosco en caso de que algo vaia mal.

Como nais e pais é preciso incluír todo isto na axenda diaria, actualizarnos e non quedar atrás, entendendo que o tempo que empregamos nisto é unha boa inversión para o seu futuro. Será preciso facer un esforzo extra en comunicación e educación en valores, sendo conscientes de que os conflitos van xurdir, que as rabietas e as discusións son seguramente inevitables. E é que ninguén dixo que isto de ser pais ía ser fácil.