Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Fraga de Quintela, corazón do ENIL

No mes de abril do ano 2000 a Consellería de Medio Ambiente declarou a Fraga de Quintela, que pertencera á casa-pacega do señorío dos Quiroga, como Monumento Natural en base aos seus valores naturais, á existencia de formacións arbóreas de notoria singularidade e outros aspectos que xustifican sobradamente a necesidade de adoptar medidas de protección especial.

A fraga de Quintela, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga, non só forma parte da historia forestal da nosa zona senón que, tamén, resulta notoria pola súa invisible presenza nunha das obras literarias máis importantes da novela realista do século XIX, Los Pazos de Ulloa, da insigne Emilia Pardo Bazán. Esta escritora, desde a celebración do seu matrimonio co dono do pazo de Quintela, José Fernando Quiroga, en 1868, ata a súa separación en 1884, ten pasado en moitas ocasións pola aldea de Quintela, onde percibiu a realidade da vida rural daquela época.

Non se pode dicir que a súa novela teña rasgos autobiográficos pero a complexidade da trama e o argumentario da obra evocan un mundo singular no que os bosques caducifolios son o sutil telón de fondo. A reiterada presenza da aristócrata urbana no pazo de Quintela, situado moi cerca duns castiñeiros que xa daquela tiñan uns 120 anos, é un dato moi significativo.

Despois diso terán que pasar máis de oitenta anos, ata que en 1954 o prestixioso fitopatólogo norteamericano Flippo Gravatt, representante do seu país na FAO das Nacións Unidas, acompañado polo profesor da USC Ernesto Viéitez Cortizo, visite a Carballeira de Quiroga e quede asombrado ante os maxestuosos castiñeiros, algúns bicentenarios. O científico estadounidense, desde Roma, dirixiuse ao goberno español recomendándolle que se arbitren as medidas necesarias para evitar a tala daqueles impresionantes castiñeiros.

Tiña razón o doctor Gravatt, porque aquel grupo de castiñeiros, situados no fondo dunha valgada, dispoñen dun fuste erecto de grandes dimensións. A súa altura, nalgúns exemplares, sobrepasa os 30 metros e o seu perímetro oscila entre os 3,20 e os 5,40 metros. Son os restos dunha formación cerrada, densa, de Castanea sativa, que medraron ergueitos na procura da luz a un ritmo acelerado.

A mediados da década dos anos 90, un equipo do Instituto Pirenaico de Ecoloxía (Jaca, Huesca) pertencente ao CSIC, realiza un traballo sobre o cambio climático en Galicia nas últimas centurias analizando os aneis de crecemento de vellas árbores (dendroclimatoloxía) e un dos lugares de mostraxe foron catorce castiñeiros da fraga de Quintela, con diámetros comprendidos entre 57 e 134 centímetros. O exemplar máis vello situouse en torno a 1757, cunha idade de case 260 anos respecto ao día de hoxe.

A Carballeira de Quiroga, actualmente Monumento Natural das Fragas de Catasós, cunha superficie de 4,52 Ha, por todas estas circunstancias, debe considerarse como o corazón de calquera ENIL, que poida aprobarse nesta zona, para protección dos seus valores e das súas árbores.

Compartir el artículo

stats