Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Viaxe a Staro Selo

Sainte-Beuve publicaba, so o rubro de "Causeries du Lundi" rutilantes artigos de crítica literaria na imprensa parisién. Eu dou á luz tamén todas as semanas esta miña Segunda Feira que eiquí a está. Sempre quixen facer crítica literaria no modo impresionista de Sainte-Beuve, pero tiven que consagrar os meus esforzos xornalísticos e académicos a persuadir os meus contemporáneos de que existe unha literatura galega distinta da española. Estou a ler unha novela que me trae arrecendos das derradeiras de Robbe-Grillet, na que percebo ecoares de Mourullo e que me introduce por laños da reminiscencia algunhas páxinas de Cid Cabido. Aínda vou na 90 das 246 páxinas que ten o libro, e xa me está entrando pena de que se me termine. Non me lembro con exactitude do que escribiu Sainte-Beuve sobre esta sensación. En todo caso, había moito que non notaba tal cousa no proceso de leitura dunha novela. Esta, a que leo, é das que na miña xeración se chamaban de "protagonista colectivo", definición que se soía aplicar a Point Counterpoint de Huxley, a Devalar de Otero Pedrayo e ao Ruedo Ibérico de Valle-Inclán. Hoxe, a crítica tende, sobre todo en Madrid, a referirse a este tipo de novelas como "corais". Pero, na realidade, esta novela colectiva, igual ca outras precedentes, ten un protagonista, que é a cidade na que bolen as accións. Unha das tres unidades reguladas pola preceptiva clasicista era a de lugar. Eiquí hai unidade de lugar. Na novela que leo os humanos móvense, senten e padecen, na cidade de Staro Selo. Aínda non conseguín saber a que país pertence, pero Staro Selo é a protagonista do romance. Teño unha certa sensación de que Staro Selo é unha cidade balcánica. Efectivamente, hai persoas cuxo apelido adopta a forma do patronímico servocroata. Tamén figuran nomes que afectan ser transliterados do alfabeto grego, coma Aleksandra. Hai un curioso Cezar, que vagamente nos fai pensar nun Czar.

Sorpréndenos o nome e o apelido dun tal Veirro Väänänen, pero deseguida facemos memoria e nos rimos de nós mesmos porque ese nome e ese apelido son os dun filólogo finés realmente existente e moi coñecido polos seus estudos sobre latín vulgar en ámbitos académicos da romanística. A novela está escrita aos cadriños, o cal facilita moito a súa lectura, e sospeito que vai favorecer máis unha relectura atravesada, parcial e mesmo "à rebours". Moi ben debuxados os caracteres, entramos con naturalidade nos distintos bairros de Staro Selo e, cando parece que todo nos leva á Europa oriental, de pronto estoupa o apelido Picallo e un par de mariñeiros de facha iugoslava practican diante nosa a pesca con mediomundo ou non sei se con trasmallo ou xeito.

No hotel Imperial da cidade hai almorzo tradicional de aldea galega na carta, e xa lles irei contando. Ah, a novela titúlase "Non hai outro camiño"; o autor é Isaac Xubín e está editada en Xerais, Vigo.

Compartir el artículo

stats