Iste é o título da campaña que, xunto coas 12.000 asociacións de nais e pais do alumnado que forman CEAPA, a Confederación Galega de ANPAs de centros públicos iniciamos en Galicia.

En CONFAPA-GALICIA levamos anos debatindo sobre os tempos escolares e os métodos de ensino que precisan e merecen os nosos fillos e fillas. É imprescindible por como centro da educación ao alumnado, modificar o sistema e paralizar inmediatamente os aspectos máis perversos da Lomce para posteriormente derrogala e substituíla por una lei educativa froito do consenso de todos os axentes que participamos na educación e que estea á marxe das alternancias políticas e das ocorrencias do goberno de turno.

Nomear aquí a Lomce non é un capricho: currículos extensísimos, un grande abano de materias, ratios elevadas nas aulas... son a desculpa para que os nosos fillos teñan que rematar o traballo nos fogares. Sumamos así, ás seis sesións diarias de clase en Primaria e dúas máis unha tarde semanal na Secundaria, horas que deberían ser de lecer ou para desfrutar facendo outras actividades polas tardes pero que os rapaces teñen que ocupar facendo deberes. Deberes que, está demostrado, non melloran a súa capacidade de aprendizaxe posto que son meramente repetitivos. Informes internacionais da OMS e da OCDE entre outros, avalan isto. Rapaces pequenos con mochilas a rebosar e deitándose a horas non aconsellables pola obriga de facer tarefas escolares para o día seguinte.

Os nenos e as nenas teñen dereito a desfrutar da súa infancia e da súa adolescencia, porque estas etapas das súas vidas non van voltar. Quen somos os adultos para lles negar unha fin de semana relaxada para ocupar nunha boa lectura, para estar cos amigos, para xogar, para aburrirse? Qué sistema educativo pode interferir na vida privada das familias, que desexamos falar e divertirnos cos nosos fillos, discutir con eles, inculcarlles valores, sair ao campo ou mesmo visitar un museu, marchar ás aldeas sen que as horas extra que fan os nosos retoños o impidan?

Persoas de todos os sectores botan a culpa ás familias de que os rapaces fan actividades extraescolares que lles rouban tempo. Non tal: son actividades lúdicas e deportivas necesarias para o desenvolvemento emocional, que lles permiten desconectar do seu traballo aprendendo doutro xeito e lles ensinan a socializar fóra do entorno de sempre.

Mais non nos chamemos a engano: se os deberes existen é porque entre todos deixamos que sigan a existir. CONFAPA-GALICIA rebélase contra isto e vos convidamos a cambialo xuntos. As nais e os pais queremos recuperar o noso tempo familiar, xa que a conciliación durante a semana é complicada. A educación é moito máis que o currículum escolar e para educar ben aos nosos fillos precisamos que a escola non invada o noso espazo como o ven facendo.

Seguramente a inmensa maioría dos docentes entenderán a nosa campaña e non porán deberes as fins de semana de novembro: unha iniciativa para sensibilizar a toda a sociedade.

Estamos seguros de que a vida escolar non se verá prexudicada senon todo o contrario: o clima mellorará nos centros educativos porque os nosos fillos e as nosas fillas chegarán os luns realmente descansados e máis motivados para voltar á actividade lectiva.

E se vostede, lector ou lectora deste artigo, non está dacordo coa nosa campaña, non se intranquilice: para os seus fillos todo seguirá coma sempre. O máximo que lles pode ocorrer é que, cando saian do centro educativo eses venres exclamen: "papá, mamá, esta finde non teño deberes, qué ben!".