Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Nadal electoral

"Eleccións para o 25 de decembro? Están de coña? Nin borracho perdido vou votar eu ese día! Ademais, de onde raios pensan sacar a xente para constituír as mesas electorais? Pero... seica tolearon ou qué?"

Con certeza que han de ser uns cantos de entre Vdes. -sempre moi amables lectores- os que, informados/preguntados arredor da eventualidade (unha eventualidade cada vez menos eventual, tal e como van as cousas e se Santa Rita, avogada dos casos imposibles, non o remedia) de que, en efecto, este país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos se encamiñe cara a unhas terceiras eleccións xerais, a se celebraren en tal sinalada data, veñan expresarse en termos moi semellantes a esoutros que rezan no primeiro parágrafo da presente crónica. Acudir a votar, pois, o 25-D? Nin peneque total, meu!

Así as cousas, comentaristas de postín/postineo, (autoproclamados) líderes de opinión, tertulianos after hours..., mesmo as terminais das terminais que nos toca padecer nesta fisterra adiante; en fin, toda a moi ampla fauna de espelidos expertos aleutos anda a predicar, aleccionar, reprender, amoestar..., urbi et orbi e día si e día tamén, contra tal afouto desatino perpetrado por uns políticos aos que alcuman de tan incapaces como vaidosos; tan egoístas como insensatos, nada que veren con aqueles dignos(as) pais/nais da patria dos tempos da santa Transición: en fin, que vai ser, ai!!, desta España? E sen embargo...

A ver: era, nin máis nin menos, que Otto von Bismarck -o célebre "chanceler de ferro", artífice da unidade alemá- quen, en vésperas da guerra franco-prusiana, viña aconsellar a Guillerme I algo así como que "a S.M. non debería acudir ao Consello de Ministros sen estar antes ben certo de que todos os asistentes (con excepción do monarca e mais do propio Bismarck, claro é) deveñan completamente bévedos e, polo tanto, incapaces de rebateren calquera argumento que se lles amose." Mergullados, asolagados en cervexa, kirschwasser, e toda sorte de schnaps, o caso é que ninguén houbo que se puidese opoñer ás reais ordes e velaí como os húsares, coraceiros e cazadores bávaros fixeron puré dos gabachos nos campos de Sedán: Deustchland, Deustchland über alles in der Welt! O II Reich botaba a andar.

"Pero iso será cousa de guiris e/ou de cabezas cadradas! Pola miña parte, teño ben claro que, nin cunha ducia de copas enriba, nin farto-farto de augardente de herbas é que me van enredar! Porque eu son apolítico; de dereitas, como o meu pai: de toda a vida!" "Ao PP, di Vde.? A eses nin auga da billa e, moito menos, cubalibres ou gintonics! Black is black como Red is red!" Iso afirman, si, algúns/uns cantos e sen embargo...

Sen embargo, quen máis, quen menos... A ver: quen non acudiu en certa ocasión á cea familiar de Noiteboa coa resolta intención de, aproveitando as confusións da sobremesa, apuñalar con saña inaudita ao moi odiado cuñado/a e, porén, concluíu aquela célebre velada abrazado ao tal individuo/a e afirmando, ademais, algo así como que "aínda que non o pareza ou que ti poidas pensar o contrario, eu a tí apréciote moito, cuñado (a); de veras que si!" E é que, ao cabo, como ben cantan os de Lamatumbá: "Licor do negro café,/que me tumbas, que me matas;/licor do negro café/fasme andar a catro patas". Escrito está en libros antigos: "non digas que desa auga (é dicir, dese alcohol) non has de beber nunca!"

Xa que logo, diante dunha España bloqueada, paralizada, trabada..., tal parece que non sexa, precisamente, mala solución esa mesma: darlle ben ao "trinqui" na Noiteboa e acudirmos en masa ás urnas na mañá de Nadal (a poder ser, sen ter durmido máis de media hora). Talvez así, por fin, se modifiquen de vez os resultados electorais e sexa posible alcanzar os tan arelados pactos de goberno!

Claro que, xa postos, tampouco parece improbable que, despois de tanta lea nocturna e tanto rock'n'roll, logo de tantos vilancetes, panxoliñas e reggaetón, Mariano Rajoy reciba unha apremiante chamada durante esa mañá do 25-D: "¿Mariano? Soy Pedro Sánchez. Esta noche lo he pensando mejor: puedes contar definitivamente con mi voto y con el de mi partido para la investidura." "Muchas gracias, Pedro, te lo agradezco en lo que vale -retrucará o presidente en funcións-, pero el caso es que llegas tarde. Verás; durante la Misa del Gallo tuve la primera revelación diáfana. Después, al salir de la iglesia, me crucé con Pablo. Sí, con Pablo Iglesias. Fue en ese momento cuando experimenté el segundo arrebato. Decidí no esperar ya más: acabo de afiliarme a Podemos. Apoyemos, pues, todos que gobierne Rivera y España estará salvada."

Compartir el artículo

stats