Amigas e amigos: O noso fillo Koki tiña moitas metas e unha delas era a de ser maquinista. Estaba a punto de conseguir ese obxectivo, só uns meses o separaban da súa ilusión de conducir trens, pero avatares da vida quixeron que nun tren encontrara o final da súa curta vida. No seu camiño -e no noso- cruzouse a fatalidade e nese desgraciado accidente de O Porriño fóisemos Koki para sempre, pero reconfórtanos que tamén para sempre perdurarán nas nosas memorias o seu recordo, o seu sorriso, as súas aventuras, a súas ilusións e as súas bondades.

Lamentamos profundamente a perda de vidas neste fatal accidente e trasladamos ás familias o noso fondo e sentido pesar e, aos feridos, o noso desexo dunha pronta recuperación. Queremos dun xeito especial acordarnos de Miguel Veiga, compañeiro e querido amigo, facéndolle chegar a súa esposa Isa e a seus fillos Casandra e José Miguel toda a nosa solidaridade, cariño e respeto, e asimesmo, toda a nosa gratitude pola atención e cariño que hacia nós tiveron.

A pena e o sufrimento pola perda dun fillo son irreparables pero nestes momentos nos sontén o sentimento de ser queridos e de ver como todos querían ao noso fillo. Non temos palabras suficientes de agradecemento a todas e todos os que estivestes ao noso lado, a todos os rapaces e rapazas que nos acompañaron e que choraron amargamente, a todo o mundo do deporte, e especialmente á familia do balonmán, que sentíu profundamente a partida de Koki. Non queremos esquecernos da tremenda labor do personal das emerxencias (bombeiros, Protección Civil, forzas de seguridade, departamentos de psicoloxía, personal sanitario, ambulancias, 112, etc.), e recoñecer o seu traballo, a súa profesionalidade e o seu trato. Gracias a todos.

Foron, son e serán días moi tristes, terriblemente tristes e dolorosos para nós, pero sempre encontramos entre todos vós unha palabra de alento, un xesto de cariño, unha man á que agarrarse e un ombreiro onde chorar. A todas e todos que dun ou doutro xeito nos tivestes no pensamento queremos darvos as gracias de todo corazón.

Moitas gracias, Loli e Cándido

*Pais do xoven falecido no accidente do tren Celta en Porriño, Joaquín Rodríguez Gradín.