Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tribuna libre

Entre dous lumes

En agosto de 2006, as lapas procedentes de Cotobade cruzaron o río Almofrei e ao chegar ao Salgueiral dividíronse e subiron polas abas do monte, pechando completamente un circulo de lume e destrucción, arrasando co 100% do monte e deixando á vista unha terra chea de lixo e abandono. Era imposible non mirar, o monte queimado estaba por todas partes; era imposible non ver, ao desaparecer a maior parte da vexetación o abandono era máis evidente que nunca. Así non habia máis que tres posibilidades: pechar os ollos, marchar ou intentar mudar as cousas. Elixida a terceira o máis fácil era facelo a través do monte comunal xa que posibilitaba actuar sobre o terreo desde o primeiro momento.

Os veciños do Salgueiral recuperaron a xestión do monte comunal na década dos 80. Ata o incendio de 2006 fíxose unha xestión discontinua, marcada pola falta de apoios por parte da administración e a falta de estímulos dos veciños cara a outras posibilidades diferentes á plantación de eucalipto. A partir de 2006 muda o criterio de xestión. Monte Vivo permite substituir o eucaliptal por frondosas en dúas zonas de alto valor medioambiental, a contorna do río Almofrei (15 Ha) e a zona máis próxima ás vivendas (10 Ha) e créase a Senda do Almofrei, que revaloriza toda a contorna. Promóvense visitas escolares, andainas, xornadas de dinamización do rural... Actividades nas que participan milleiros de persoas tanto do ámbito rural coma urbano.

Todo isto parecía indicar que a dirección era a correcta, co obxectivo fixado en xestionar o monte de forma sostible desde o punto de vista medioambiental, social e económico.

Máis en agosto de 2016 o lume volve a O Salgueiral e de novo as lapas cruzan o río Almofrei procedentes de Cotobade, ameazando as nosas casas e a contorna. Quéimase o 50% do monte, tanto no comunal como no de particulares. Quéimase boa parte do traballo realizado nestes anos pero sobre todo arde a ilusión de ver algún día outra realidade para o monte e o rural.

De novo, como hai 10 anos, unha vez que se apagan as lapas miramos á contorna e vemos unha realidade distinta a que críamos ver. Por unha banda vemos que xa non hai lixo no monte, o comunal no que estivemos a traballar unha década está limpo e ordenado, pero tamén vemos outra realidade. Vemos que se repite o mesmo incendio coas mesmas consecuencias. Vemos unha contorna, o rural, que malia que algunhas comunidades de montes intentáramos evitalo, está hoxe máis abandonada que hai 10 anos. Vemos que non podemos crear illas sostibles rodeadas de abandono.

Vemos que deixamos de lado o primeiro obxectivo das comunidades de montes, que non é outro que abonar as propiedades particulares: desde as súas orixes o monte comunal nunca foi un obxectivo, senón que era o medio que permitía que as explotacións particulares producisen un excedente que vender no mercado. Vemos que nos centramos na xestión dun monte comunal sen ter en conta outra realidade máis potente: somos unha comunidade veciñaI inmersa no contexto rural.

Así, 10 anos despois, vémonos de novo na necesidade de elixir: agardar que volva o lume e que nos faga ver a contorna de xeito diferente, ou tomar medidas para intentar cambiar o que agora vemos con máis claridade. É preciso superar a idea, moi positiva, que se foi estendendo entre as comunidades de montes desde que recuperaron a titularidade veciñaI, que establecía a xestión do monte desde tres vértices: medioambiental, social e económico. Agora vemos que o obxectivo ten que pasar a ser o medio, o monte sostible debe ser o medio, e o obxectivo debe ser o mantemento da comunidade veciñaI.

Temos que establecer liñas de traballo que posibiliten que os particulares, os nosos veciños, é dicir, os comuneiros, poidan ter as súas propiedades ben xestionadas, eliminando o eucalipto e outras especies pirófitas e invasoras dos espazos de alto valor medioambiental e das proximidades das vivendas.

Temos que conseguir aplicar políticas de desenvolvemento que non traten o minifundio como unha enfermidade ou un lastre, senón como una peculiaridade do noso territorio. Temos que evitar que as melores terras, as de labranza, as que producen un 25% máis que a media europea, estean abandonadas.

Temos que traballar coas comunidades de montes e cos colectivos que estean actuando cos mesmos obxectivos, dentro de espazos máis amplos e desde distintos ámbitos para establecer sinerxias e colaboracións.

Temos que traballar con todas as administracións e entidades económicas e sociais. As comunidades de montes son entidades de xestión transversais, onde o feito de ser veciño é a única condición. Hai que potenciar e utilizar esta peculiaridade para crear espazos de debate e traballo con distintos axentes sociais, económicos, da administración, etc. E temos que deixar de ver a contorna urbana como un inimigo que acapara todos os investimentos da administración e despreza a contorna rural, temos que darnos a coñecer xa que é o descoñecemento e a falta de comunicación entre a contorna urbana e o rural o que imposibilita que se vexa o rural como unha alternativa e non como un problema. En definitiva, temos que traballar co resto da sociedade para que o rural deixe de ser unha eiva.

No século XXI, o da revolución tecnolóxica e as telecomunicacións, onde calquera punto do mundo pertence a esta aldea global, o século en que calquera sociedade que queira prosperar ten que apostar pola colaboración e pola posta en valor das súas identidades e peculiaridades, neste contexto, o rural ten moito que aportar. Ignorar e abandonar o rural é destruir o pasado e hipotecar o futuro.

* Pte. Comunidade de Montes do Salgueiral

Compartir el artículo

stats