As directrices secretas do xeneral Emilio Mola, artífice da asonada militar, eran extremadamente explícitas e contundentes. Para o triunfo da sublevación había que actuar con extrema contundencia contra as persoas máis significadas do que podía representar o goberno da Fronte Popular democraticamente elixido. Cando o día 20 de xullo de 1936 a tropa sae en Vigo ás rúas, coa intención manifesta de derrubar pola forza a legalidade establecida, o goberno local está presidido polo alcalde socialista Emilio Martínez Garrido, quen estará a fronte do mesmo até esa mesma tarde en que será detido polo capitán Losada nas propias instalacións municipais, a moi poucos metros da Porta do Sol, onde os traidores fixéronlle ó pobo o seu primeiro sangue. Nuns primeiros momentos semella que os sublevados vigueses non teñen aínda deseñado un plan concreto, orquestrado para perseguir a todos aqueles que tiveran ocupado postos de responsabilidade durante os gobernos republicanos; tal é así que a varios dos concelleiros que estaban acompañando ó alcalde no momento da súa detención -algúns deles significados militantes de esquerda, socialistas os máis- se lles permite retirarse ós seus domicilios sen ningún tipo de prevención. A cousa cambiará radicalmente a partir de varios días despois. A partir do día 24 de xullo, donos xa da situación os sublevados en practicamente toda a comarca, vai comezar unha auténtica caza de todos aqueles que se significaran anteriormente na súa militancia de esquerdas. Semella que acababan de ser recibidas en Vigo as tallantes directrices do "director" Mola.

Patrullas, conformadas por garda civís, policías, falanxistas, cívicos e mesmo militares, comezarán a peitear toda a contorna na súa procura. Así comezarán a ser capturados moitos dos máis importantes cargos políticos e sindicais, así como tamén militantes destacados dos partidos de esquerda, sorprendidos pola contundencia que vai ser aplicada na súa busca. Pronto o cárcere local vai quedarse pequeno para recibir a tanto detido; de aí que haxa que ampliar as instalacións penitenciarias existentes coa habilitación de novos espazos; o primeiro deles o inmediato Frontón situado na rúa María Berdiales. Xunto con moitos simpatizantes e militantes de esquerda de segunda fila comezan a ser capturados os líderes políticos e sindicais máis coñecidos. Así, no seu propio domicilio onde se tivera retirado tras abandonar tranquilamente o concello o día do levantamento armado, vai ser detido o veterano líder socialista Enrique Heraclio Botana; ou, grazas seguramente a unha delación, serán capturados os irmáns Antonino e Demetrio Bilbatúa Zubeldia; pero tamén Waldo Gil Santóstegui, Ramón González Brunet e tantos outros máis. Haberá algúns que consigan eludir nos primeiros momentos a súa detención; pero, inconscientes aínda do que realmente se esconde detrás do golpe de forza, ou baixarán a garda no seu agocho ou, como aconteceu no caso do alcalde de Lavadores José Antela Conde, optarán por entregarse; conscientes de que non tiñan cometido ningún tipo de ilegalidade ó exercer o cargo polo que foran votados.

Con todas as pezas políticas importantes xa cobradas, era o momento de comezar a dar os primeiros escarmentos. A autoridade militar, coa única lexitimidade que lle podía outorgar a posesión das armas, van darlle a volta á situación e a aplicar a curiosa dialéctica de considerar como reos de "rebelión militar" a todos aqueles que representaban a legalidade previa, polo feito de oporse á "verdadeira España" que é a que eles cren representar. Malia que xa se tivera realizado algún xuízo previo a principios do mes de agosto pola xurisdición militar -co resultado de "pena de morte"-, vai ser a causa numerada como 142/36, levada a cabo contra os principais políticos da esquerda local viguesa, a que inicie o longo camiño de represión "paraxudicial" que vai vivirse na nosa bisbarra. Veranse inmersos na dita causa o alcalde vigués Emilio Martínez Garrido, xunto con Enrique Heraclio Botana, Waldo Gil Santostegui, Ramón González Brunet, Ignacio Seoane Fernández, Apolinar Torres López e Pastor Rodríguez Iglesias, todos eles militantes socialistas de primeira orde; pero tamén será encausado xunto con eles un pequeno delincuente ocasional chamado Manuel Rey Gómez, malia que era máis coñecido polo alcume de "Villagarcía". Senón había motivos de acusación que se sostiveran contra os inculpados, entón habería que inventalos; e ese foi o motivo da inclusión deste último home na dita causa, xa que na súa declaración relacionará ós outros con presuntas entregas de armas e coa celebración de conciliábulos conspiratorios. O 22 de agosto será vista a causa contra Martínez Garrido e os seus compañeiros. Os procesados nin tan sequera poden asistir á vista, e o avogado defensor que os representa, evidentemente militar tamén, apenas ten recibido información sobre os pormenores do caso antes de entrar na sala. A vista é moi rápida, e o tribunal militar, presidido polo coronel Enrique Cánovas La Cruz, ten xa o veredicto antes de iniciar aquela farsa de xuízo. Pena de morte.

Ese mesmo día víase tamén outra causa pola mesma xurisdición militar; a causa 140/36. Neste caso polos sucesos acontecidos en Lavadores os días 20 e 21 de xullo, cando se lle fixera oposición armada á tropa dende as barricadas erixidas neste concello. Os acusados na mesma son o alcalde socialista de Lavadores, José Antela Conde, e dous afamados líderes socialistas, Antonino e Demetrio Bilbatúa Zubeldia. A inculpación pola presunta entrega de armas ós veciños e pola presunta coordinación da oposición armada ó exército conlevará a inevitable condena á pena de morte.

Na madrugada do día 27, os acusados de ambas causas -coa excepción de Pastor Rodríguez, que será condenado a cadea perpetua- van ser levados nun autobús de liña até o afastado cemiterio de Pereiró, diante de cuxas tapias un pelotón de gardas de asalto e carabineiros, comandado polo capitán do exército Antonio Carreró Verges e polo tenente da Garda Civil Francisco González Rodríguez "el Rabioso", acabará coas súas vidas. Esa madrugada unha descarga de fusilaría tentará acabar con todo vestixio de legalidade democrática e, ademais, será o sinal para incrementar o ritmo dunha represión que se estenderá ó longo de moitos anos. Os dous alcaldes democraticamente elixidos en Vigo e Lavadores, os últimos en máis de corenta anos, compartirán idéntico final, chegando a converterse en símbolo da liberdade perdida fronte a sen razón do totalitarismo fascista que dominará España por décadas.

*Historiador y presidente del Instituto de Estudios Vigueses