Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Divide ut imperes

O transcurso de ACE (Cangas) a AGE e de AGE e En Maré, dun pasal de poldra noutro sen case batuxar os pés, meteu moito medo, e en sitios diferentes do poder real. O mérito maior de En Maré nas últimas eleccións non foi o de perder somentes un deputado e un senador. O mérito foi o de concorrer ás eleccións con case toda a prensa, radio e televexo en contra e saír coa fronte alta.

Supoñer que as comunicacións alternativas fosen máis favorabeis a En Maré ca aos de sempre é unha fantasía. Toda a propaganda, preelectoral e electoral, estivo e está dirixida a fragmentar En Maré. Unha nova xeración de escritores mediáticos emerxeu e conqueriu nome procurando dividir as forzas constituintes En Maré. Non o deron feito. Podemos contra Podemos, Maré contra Marés, Anova contra EU, uns contra outros, os xoves (e non tanto) columnistas porfiaron (e seguen) en quen ser máis insidioso e hábil para suscitar a discordia. Divide para vencer, velaí a admonición senatorial clásica.

En Maré non resultou vencida. Sobre todo, non resultou vencida en Vigo polo partido do alcalde Abel Caballero. Houbo na provincia de Pontevedra unha senadora de En Maré e o portavoz do partido de Abel Caballero non resultou elixido senador.

Os xornalistas da vella dereita puxéronse a chorar en Madrid porque Podemos absorbía o glorioso partido de Santiago Carrillo, que eles tan ben coñecían polo seu comportamento exemplar na Transición. Con bágoas de cocatriz (que é crocodilo en lingua dos conqueridores e dos grandes náufragos así casteláns de Indias coma portugueses do Mekong), os brillantes portavoces literarios da dereita de Galicia puxéronse a chorar, paralela e simultaneamente, polo BNG, a quen tanto querían.

Unha vez coñecido o resultado electoral, intentaron todos convencer os galegos de que En Maré fora esmagada coma un sapo que uns advenedizos inflaran con palla. En realidade En Maré só perdera un deputado e un senador. Agora, as tácticas da dereita diríxense principalmente a un obxectivo: impedir por todos os medios que o candidato de En Maré ás proximas eleccións galegas sexa X. M. Beiras.

Seguindo a máxima maquiavélica e histórica, trátase de dividir aos outros para que domines ti, oh Amo (ut regnes, ut imperes). Pero o sentido espiral da Historia impide que ela se repita, en rigor.

Compartir el artículo

stats