Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desde unha estrela distante

A morte é tan estraña. Mais igual de estraño é o queda despois dela. Ese baleiro frío que non sabes como xestionar porque ninguén te prepara para algo así. O pasado luns á tardiña, collín nun dos andeis da miña pequena biblioteca persoal Desde unha estrela distante, de Agustín Fernández Paz. Non sei moi ben por que o fixen. Supoño que o subconsciente funciona así. Sabes que ela, a morte, está próxima e queres reter a esa persoa para sempre, do xeito que sexa. Cando lin o título do primeiro capítulo, estremecinme: "Tempo de dicir adeus". Xa estás coas túas cousas, Ledi, dixen para min. Devorei o libro até o derradeiro capítulo, titulado "Chega a hora de partir" e pechei a novela cun profundo malestar. A mañá seguinte amencía coa triste nova do pasamento de Agustín. Manuel Bragado, o seu grande amigo e editor, diría que isto é cousa da providencia laica, que ás veces fai este tipo de manobras curiosas e difíciles de explicar.

Hoxe que o mundo é brétema e toda a comunidade lectora e afectiva chora pola súa perda, eu penso na palabra revolución para que doa un pouco menos. Agustín revolucionou os universos de varias xeracións, prendeu tantas candeas na noite dos nosos ceos, que se miro cara arriba todo brilla. Imperio de luz. Canta maxia nos teus libros, canta verdade! Se algo che debo, Agustín, é o que aprendín do teu compromiso incorruptible coa nosa lingua e coa nosa literatura. O rastro que ti deixas é un faro branco, un legado impagable que nós temos a obriga de coidar coma só se coidan as cousas que máis se queren. Chega a hora de partir. É tempo de dicir adeus. Marchou un escritor de verdade. Un home co corazón de sol e a escrita de lúa. Aquí, neste recuncho do mundo, quedamos orfos sen ti. Mais se é certo que nos estás a observar desde unha estrela distante, alá onde nacen os soños, cuns anteollos e un sorriso, aquí abaixo faremos o posible por perpetuar o teu compromiso, acubillados no teu recordo. Ata sempre, Agustín.

Compartir el artículo

stats