Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

A Porta do Sol de Lamela

Non é nada doado abrir unha porta no ceo da túa aldea, vila ou cidade, co único obxecto de ver, de contemplar, de ir á procura do sol. Tan só uns poucos soñadores, visionarios (léase emprendedores) foron quen de conseguilo.

A Porta do Sol de Madrid, por exemplo, tivo a súa orixe no século XVI, cando un deses soñadores pintou de cores un sol na porta dun castelo que miraba a oriente. E na Porta do Sol da miña vila é moi doado (alomenos para min) namorarse baixo o sol rebulideiro da Estrada da Vida. E é que o Sol é luz, prosperidade, esperanza, futuro, amor. O Sol é Vida. E que verso fermoso, abrir unha nova porta á vida.

Os cinco irmáns Villar, facendo bo o lema empregado polos mosqueteiros de Alexandre Dumas, Unus pro omnibus, omnes pro uno, foron quen de conseguilo. Con moito, moito traballo (a cultura do traballo da que falaba o noso guieiro, Xosé Neira Vilas), con tesón, resistencia (e re-existencia), ilusión e cunha gran dose de poesía (veñen de editar -co gallo de inauguración do restaurante enxebre de cociña tradicional- un cartafol poético fermoseado con todo o Uni(verso) creativo de Luchy López Brea e deseñado e agarimado polo meu bo amigo Miguel Villar).

Os irmáns Villar -digo- abriron unha porta no Ceo da súa aldea. Desde Lamela para todo mundo, unha xoia ao servizo da gastronomía e da cultura. A Porta do Sol de Lamela. Mil parabéns e moita sorte, amigos.

*Mestre e escritor estradense

Compartir el artículo

stats