Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Agolada non sube ao tren

O PXOM é un documento de excepcional importancia na planificación e no deseño do futuro de calquera concello. Abrangue practicamente a todos os seus aspectos. A idea do que debe ser Agolada nos vindeiros 20, 30 anos está plasmada no mesmo, en grande medida. Agolada está en fase de aprobación inicial do PXOM. Un momento excelente para replantexar o futuro do concello, mediante a elaboración dunha estratexia de deseño territorial e urbanístico que facilite e potencie o desenvolvemento socioeconómico de Agolada, que deixou pasar moitas oportunidades de desenvolvemento estratéxico.

Vista a proposta urbanística presentada pola corporación local, en aprobación inicial, amósaseme mediocre, conservadora, sen alma e sen ambición. Simplemente se limita a constatar o que hai, o que xa existe, sen aportar nada novo, nada estratéxico, nada ambicioso, nada arriscado. Un documento que so busca a corrección e o cumprimento do trámite, e non aproveita en xusta medida as potencialidades que este concello ten, e que hai que ver e entender. Neste senso, e apoiándose na dinámica demográfica (regresiva) o documento propón unha estratexia, non de "crecemento", senón de concentración e fortalecemento dos núcleos rurais e da malla urbana da vila nunha estratexia de contracción, ao meu entender, acertada para os núcleos rurais, pero totalmente errónea na vila. A vila necesita e demanda unha nova perspectiva que xa está a ofrecer a situación estratéxica que Agolada ten no eixo interior galego que conforman as cabeceiras de comarca Melide e Lalín, cada vez máis activo e con futuro. De aí que os espazos urbanos non consolidados que propón o documento, 10 en concreto, dificilmente se poden desenvolver sen dar unha nova perspectiva urbanística á Agolada, que de seguro daría a apertura dun viario de maior capacidade través da pista de concentración parcelaria que conectaría directamente a PO-840 coa N-640, xerando no seu entorno novos espazos con posibilidades novas, ata agora, cerrados, incomunicados e que impiden unha visión nova do entorno próximo ao núcleo agolense. Abondando neste aspecto, podemos engadir a conexión directa do parque industrial coa N- 640 en dirección Lugo, que daría amplitude ao núcleo urbano. O espazo (Os Chousos) comprendido entre este viario e o núcleo gañaría valor e daría unha nova perspectiva ao concello de cara ao futuro, nunha política clara de potenciación real do solo industrial.

O deseño do viario no interior da vila non aporta nada novo. Absolutamente nada, cando precisamente un dos problemas é a estrutura urbana de carácter liñal que ten esta vila configurada no tempo a carón da estrada N-640. O plan debería, cando menos, buscar a atenuación e amortigüación desta configuración de estrutura urbana liñal en pro dunha configuración estrutural en cruz e circular, para o que se entendería axeitado abrir viarios de comunicación entre rúas que permitan comunicar e visibilizar os demais espazos cunha mellor fluidez, comunicación e mellora urbanística, máxime cando no ámbito urbano existen eses espazos libres de edificación que permiten abrir novos viarios.

Con esta proposta, Agolada continúa a pecharse e cerrarse en si mesma. Outra vez máis, estamos ante outra decisión errónea que volverá a entorpecer, retrasar e dificultar de novo, como en tantas ocasións, o racional e lóxico desenvolvemento deste concello, equidistante e central en Galicia.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal debería ser un novo tren, ao que esta vez sí, agarrarse definitivamente Agolada, para revolucionar este concello sumido hai tempo na apatía, pesimismo e pouca esperanza no seu futuro. Máis participación, máis visión de futuro, máis emoción e máis ilusión co concello falta nesta proposta. Xeralmente, todos os concellos aproveitan a aprobación do seu planeamento urbanístico para dar amplitude e xerar novos espazos e perspectivas socioeconómicas, en definitiva, xerar novas oportunidades.

A dinámica demográfica actual de recesión na Galicia interior cambiará a medio e longo prazo, e Agolada debe anticiparse e estar preparada e ben deseñada para ese momento.

*Experto en desenvolvemento rural

Compartir el artículo

stats