Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Con Camilo en Trasalba

Coincidindo coa xornada electoral do 26 de xuño, viaxamos a Chans de Amoeiro para acompañar ao noso admirado Camilo Nogueira na recepción do Premio Trasalba 2016 outorgado pola Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, que dende 1983 recoñece anualmente a traxectoria dunha personalidade galeguista, a entidade que preside Víctor Freixanes valora no fillo de Lavadores "toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da Xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo". Coincidindo no ano do seu oitenta aniversario, con este Trasalba recoñécese o compromiso dunha desas persoas boas e xenerosas na que varias xeracións de galeguistas identificamos de forma modélica os valores republicanos e o compromiso co proxecto de construción da nación.

Nacido no lugar dos Romanciños, no barrio de Riomao do concello de Lavadores, Camilo foi educado no berce dunha familia de tradición republicana. A súa nai, modista, e o seu pai, o escultor galeguista Nogueira, inculcáronlle un grande afán de superación. Das aulas da Academia Victoria de Príncipe pasou ás do Instituto Santa Irene, obtendo sempre as mellores cualificacións, o que non impediu que Lucho desenvolvese unha carreira deportiva no Estudiantes de baloncesto. Tras rematar os estudos en Madrid, en 1964 entrou a traballar en Citroën como enxeñeiro industrial, sendo despedido da factoría de Balaídos tras a folga do 72, na que foi detido e torturado. Daquela, como presidente da Asociación Cultural de Vigo promoveu, entre outras moitas iniciativas, as primeiras campañas de galeguización coa distribución dos famosos autocolantes para os automóbiles de "Falemos galego" e fundou con outros compañeiros da factoría a organización Galicia Socialista, unha das orixes do actual sindicalismo nacionalista.

Tras este período vigués, Camilo Nogueira e a súa compañeira Paz López Facal trasladáronse a vivir a Santiago, onde traballará dende 1973 na empresa pública SODIGA. Coincidindo co proceso de Reforma Política, participou na creación da ANPG, na redacción das bases constitucionais do Consello das Forzas Políticas e formou parte da chamada "Comisión dos 16", creada coa intención de redactar o primeiro borrador dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Coincidindo co inicio da Autonomía, Nogueira encabezou os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (POG, EG e PSG-EG), sendo elixido deputado do Parlamento Galego (entre 1981-1993 por Esquerda Galega e entre 1997-1999 polo BNG), concelleiro do Concello de Vigo (1987-1991) e deputado do Parlamento Europeo representando ao BNG no Grupo dos Verdes / Alianza Libre Europea (1999-2004).

Ademais de participar dende o inicio no inconcluso proceso de reconstrución organizativa do nacionalismo galego, a achega política esencial de Nogueira foi a de liderar a modernización do proxecto nacional galego, desenvolvendo un programa ambicioso, tanto global como sectorial, que conducise a que Galicia fose auténtica nación política; aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas; promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía, con atención preferente á industria, á enerxía e os sectores gandeiro e pesqueiro; recoñecendo a lingua galega como nacional e universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas; pensando, xaora, o mundo dende Galicia en constante diálogo coas circunstancias do noso tempo.

Camilo Nogueira ofreceu unha proposta de nacionalismo galego desmitificadora, como un punto de encontro que nos leva a integrarnos e a facer nosos os problemas de toda a humanidade. O nacionalismo non é unha ideoloxía, senón unha proposta de liberdade, progreso e independencia que procura o autogoberno para Galicia e o benestar e a igualdade para a súa cidadanía. Como sinalou o seu amigo Suso de Toro, "no nacionalismo de Camilo acrisólase a practicidade intuitiva e o sentido táctico de Bóveda, aberta ao seu tempo e ao conxunto da sociedade, coa paixón nacional de Castelao, pacífica e entusiasta até o lirismo". Así o sentimos, cada vez que tivemos a fortuna de traballar ao seu carón, práctico e apaixonado, lírico e épico a un tempo, teimudo e paciente. Xaora, Camilo Nogueira foi pioneiro da nova política, capaz de compaxinar durante anos o seu traballo profesional coas responsabilidades parlamentarias e políticas. Persoa reflexiva e xenerosa, encarnou coa vontade de ferro do corredor de maratón, que dosifica o seu esforzo para chegar á meta, o modelo de optimismo da vontade que admiramos desque o coñecimos hai catro décadas. Seguimos, curro!

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats