Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Made in Britain

"Should Spain remain a member of the European Union?" (en román paladino do NO peninsular: "Debe continuar España a ser un membro da Unión Europea?").

Ben sei; ben sei que determinadas cousas semellan conformar un imposible de seu; e ben sei, desde logo, que onde vimos de situar "Spain", o que pon de veras é "the United Kingdom": velaí a pregunta á que deberán responder os cidadáns británicos o próximo 23-X.

Certas cousas semellan, daquela, un imposible... Imposible parece, certamente, que España poida volver gañar algunha vez o festival de Eurovisión -ao cabo, se nin Rosa Nacional, Julio Iglesias (sic!), a nosa cara Lucía Pérez nin tampouco o xenial David Fernández/Rodolfo Chikilicuatre puideron alzarse coa vitoria, quen o vai conseguir, daquela?-. Asi mesmo un imposible aparenta resultar que Michael Robinson aprenda a pronunciar correctamente a lingua castelá no tempo -oxalá que aínda sexa moito!- que lle reste neste mundo. Impensable e inviable, desde logo, figura que Dna. María Belén Esteban Menéndez ou Dna. Rosa Josefa Benito Martínez deixen de atropelar, esmagar, masacrar... a gramática e, polo contra, se aventuren ata o derradeiro parágrafo do Quixote aproveitando os momentos en que "Sálvame" (de laranxa, limón, kiwi, mango, maracuxá...) se vai á publicidade. En fin, irrealizable, impracticable, inconcibible... devén que D. Norberto Juan de Todos los Santos Ortíz Osborne aprenda a utilizar algunha vez a vitrocerámica e, de paso, a cantar afinadamente. Nada que facer. Kaput. C´est fini. Niets. Niente.

Así e todo, tanto o célebre "meme" cibernético como esoutra canción da man e da voz de Iggy Azalea explican que "impossible is notinhg": "Even when you don´t believe it/Impossible is nothing" ("Mesmo cando non o creas,/nada é imposible.") Xa que logo, este, seu, cronista semanal vai tentar de novo o esforzo e anotar aquí e agora que aínda considera factible, malia todos os pesares, que D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón, D. Albert Carles Rivera Díaz e mais D. Pablo Iglesias Turrión (observarán os -sempre moi amables- lectores que non inclúo na lista a D. Mariano Rajoy Brey. Non pretendo en ningún caso ofendelo, nin a el nin aos seus parceiros, mais é o caso que se lle aplica ben aquela célebre máxima que adoitaba pronunciar decote o xenial Rafael Guerra "Guerrita": "lo que no pué ser, no pué ser y ademáh eh imposible.") deixen algunha vez de xogar aos recantos -cada un deles no seu, sen mover un músculo- e se decidan por enfrontar de veras a ingrata situación na que vai sobrevivindo, aos tombos, este país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos. Ou o que vén ser o mesmo: a tirar a venda tanto dos propios ollos como dos seus compatriotas e, para alén de traxedias mil e apocalypses now, analizar, con rigor e lonxe de mitos, prexuízos e ameazas, as nosas auténticas posibilidades.

Desde logo, non vai ser este, seu, modesto cronista quen se poña aquí e agora a debullar arredor das vantaxes/inconvenientes da permanencia española -que non da británica; evidentemente, iso é cuestión que han de resolver axiña os propios guiris- na (actual) Unión Europea e se hai/non hai vida para alén do sacrosanto altar de San Euro. Sen embargo, si que é tempo de anotar que, segundo todos os moi infelices indicios, a bóla de neve non esvaeu, no seu rodar montaña abaixo. Simplemente, permanece detida -un tanto milagreiramente- na súa violenta caída mentres o ceo non fai máis que alimentar a posibilidade dunha nova e mesta nevarada. Así as cousas, por canto tempo van resistir, daquela, as improvisadas defensas? Velaí o inquérito que -"¡rebota, rebota y en tu culo explota!"- veñen de eludir unha vez máis os tripulantes deste singular 4x4 electoral dos nosos pecados.

De acordo que se mostran piratas, arrogantes e que falan nun horroroso castrapo medio xermánico, medio latín e un pedazo de escandinavo. Porén, eis o gin tonic e mais o whisky; The Beatles e The Rolling Stones; a mini-saia; os descapotables; os autobueses de dous pisos; os pubs; Shakespeare, Stevenson, Le Carré e Martin Amis; Hitchkoch e Kubrick; os vapores e as brétemas de Turner; o fútbol; todas as frases célebres atribuídas a Churchill (e incluso o propio Sir Winston); a BBC e a prensa libérrima; love actually... se os británicos -e arrabaldes adxuntos- non existisen, tal semella que habería que inventalos de certo.

E, nin que dicir ten, a todo o anterior engadan -ou, mellor, poñan sempre por diante, que a orde de factores si que altera o produto!- a democracia. Porque trabucados ou por trabucar, talmente como no 18 de setembro de 2014, ingleses, escoceses, galeses e norirlandeses volven declarar, urbi et orbi, que son eles os donos do seu propio destino. Bolxeviques e/ou "perroflautas"? Nin zombis, nin veletas nin Heidi con coleta: atente por Cameron, forma parte do Partido Conservador e resulta ser o actual Primeiro Ministro. Entre nós? Impensable, meus.

Compartir el artículo

stats