Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Un ministerio en perigo

Amelia, Alonso e Julián (e, nin que dicir ten, o xenial Pacino): isto é, Aura Garrido, Nacho Fresneda e Rodolfo Sancho (e, nin que dicir ten, o xenial Hugo Silva) deste lado do espello; na actividade visible, vaia. Que é o que está a acontecer con eles? De veras que non os volveremos contemplar nas pantallas dos nosos televisores? É que non lle queda nin un só recurso á man a Jaime Blanch/Salvador Martí? Nin sequera ao seu segundo de a bordo, Juan Gea (Ernesto Jiménez(Pedro Fernández de Torquemada? Van permitir -desde alí onde queira que moren- o rabino Abraham Levi e mais Isabel "a Católica" semellante desfeita?

Sen dúbida, supoño aos, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais ao cabo da moi inquietante nova: segundo viñeron informando ultimamente os diferentes medios de comunicación -este venerable rotativo, como é norma, sempre na vangarda-, velaí que, malia todos os parabéns e premios recibidos; moi a pesar do éxito nas redes sociais -aí é nada que Lope de Vega ou Ambrosio Spínola desen en trending topic!-; mesmo que a serie apuntase ao máis alto en plataformas como Netflix ou Yomvi..., acontece que as cifras de audiencia non acompañan. Ou, polo menos, non acompañan tanto como si o fan "La embajada" de Antena 3 ou "Mi casa es la tuya" en Tele 5. Traducido: que un importante número dos nosos (supostos) concidadáns prefiren definitivamente cultivar as súas mentes contemplando, absortos e entregados, esa singular mestura de alta cociña creativa, filosofía existencial, curso acelerado de hípica por entregas, finísimo humor castizo, disertación socio-política... sobradamente conducida polo non menos "sobrado" D. Norberto Juan de Todos los Santos, Ortiz Osborne del Rocío y Soto de la Moraleja adxuntos. En fin; si que "me encanta España", pero..., eu non sei vostedes, mais este servidor de seu está pensando, pero que moi, moi en serio, exiliarse de vez. Ao cabo, e como cantaba outro dos nosos "grandes", "vivir así es morir de amor (...) y ya no puedo más/siempre se repite la misma historia."

A non ser, iso tamén, que toda a información, todas esas novas alarmantes... respondan, en realidade, a unha ben programada campaña de contaminación, esvaecemento e cortinas de fume ad hoc. Desde logo, tentarei explicarme de contado.

A ver: de veras pensan vostedes que o Ministerio do Tempo non existe? Cren, realmente, que todo se debe a unha pura e dura invención televisiva dos irmáns Pedro e Javier Olivares? O que é aínda máis: de certo que consideran que estamos perante dous espléndidos e alegres guionistas -que si que o son, en efecto-, contratados por TVE, cuxo oficio non vai para alén de tal actividade ficcional? É que en ningún momento se lles pasou pola cabeza, meus, que os Olivares poidan resultar dous moi espelidos axentes do CNI e/ou de calquera outro secretísimo servizo?

Sabido é que a maior falcatruada de entre cantas ten argallado o demo consiste, xustamente, en facernos acreditar na súa inexistencia. Pois ben; repasen un momento a propia ficción televisiva, en concreto o episodio titulado "Tiempo de lo oculto". Se tal fan, poderán comprobar de contado como Roberto Drago/Sebastián Lombardi, o presentador dun programa arredor de fenómenos paranormais, descobre que o ministerio si existe na realidade cotiá; diante de tal, a estratexia gubernamental non vén ser outra que tentar amosar, diante da opinión pública e tutti quanti, que Lombardi non pasou nunca de ser máis que un simple falabarato, un toleirón carente dun mínimo creto. E, sen embargo, o che si estaba na verdade das cousas.

Esoutra habelencia letal dos irmáns Olivares consistiría, entón, en construíren unha fantasía catódica capaz de evaporar eficazmente a realidade que se agacha detrás dela. É dicir; un Ministerio do Tempo televisivo que fose disimular esoutra institución que si permanece oculta nalgún oculto lugar dos Madriles. Sen embargo, o éxito da singular montaxe deveu tal que, abriados diante da súa propia criatura, os Olivares -mellor dito, os xefes dos Olivares- non atoparon outra saída mellor que retirar das pantallas unha pólvora que, definitivamente, se lles foi das mans. O resto da historia xa o poden descifrar doadamente vostedes mesmos.

Así as cousas, tanto o máximo responsable de todos os ministerios, D. Mariano Rajoy, como aínda aqueles que aspiran a substituílo na súa maxistratura, deberían -canto antes!- ofecernos unha cumprida explicación do que está a acontecer (sospeitoso, igualmente, o silencio desde La Zarzuela, non lles parece?). Ou iso ou é que, na epifanía das viaxes astrais, tanto o actual presidente do goberno das Españas como os seus adversarios políticos non veñen ser máis que axentes procedentes dos ministerios (do tempo) de épocas pretéritas. Máis concretamente, no caso do Sr. Rajoy, un axente do século XIX, paseante polo XX, e a exercer arreo nesta nosa confusión milenaria. E, vale: todo será simple efusión disparratada, pero non me digan que non se lle parece moi moito ao mundo real! Con dúas reválidas a agardalos... que llelo conten aos nosos rapaces e raparigas!; iso si que vén ser toda unha señora clase de (resesa) historia de España!

Compartir el artículo

stats