Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Alicia e o país das marabillas

Pois nada amigos, el hombre propone y Dios dispone. Fixen promesa e tiña firme propósito de non volver ás andadas, e non falar nunca máis de políticos, pero eche imposible, non hai maneira, é como cando era rapaz, cada vez que ía ao confesionario a contarlle ao pai Xosé, que o escolliamos os rapaces, porque o pobriño xa con máis anos que o bo de Matusalén, érache máis duro de oído ca min, e non se enteraba de nada, os meus pecados máis húmidos, despois de rezar non sei cantos painosos e avemarías, facía análise de conciencia e propósito de emenda, sen dúbida que si, pero a ver quen era quen de non volver caer nos vicios solitarios de sempre, cando se ten quince anos? Pois agora o mesmo.

Pero, de verdade, díganme se o que estamos a ver un día si e outro tamén nos xornais non é insuperable. Xa o dixen noutras ocasións, a realidade supera calquera situación imaxinaria e surrealista ou irreal, por moita fantasía que un lle bote.

Mariano Rajoy, presidente en funcións, que nin funciona nin nada, ainda por riba nin sequera ten a máis mínima decencia de acudir a dar explicacións das desfeitas da súa política, e din que como está en funcións non ten que dar explicacións. ¡Toma del frasco, Carrasco! O PSOE, enredado na súa propia rede dos pesos pesados, que viven sen vivir en si, pero que non calan, e moven e moven fíos, sempre a favor dos que os colocaron nos consellos de administración grazas ás portas xiratorias. A río revolto, beneficio de pescadores! Rivera e Cidadáns, dalle que te dalle coa idea dunha grande e libre Coalición España, porque deste xeito os apestados non contan. E os apestados, si, xa saben, O Coletas and cía., entre bico e bico no hemiciclo parlamentario, repiten ata o aburrimento unha mensaxe que ninguén escoita, e a todos molesta despois de deixar polo camiño a frescura e decencia do movemento 15 M e os indignados. Acaso xa ninguén está indignado neste país de Alicia?

E, como remate dunha posta en escena de cine, os papeis de Panamá, e eu con estes pelos e sen conta offshore -que voulles a confesar, aínda que o negue diante dos meus avogados, que o molon eche ter varios, todo un despacho deles, coma a princesiña, si, a mesma que está triste, que terá a princesiña?, e non un pobriño deses picapleitos-, pois iso, digo que nin pajotera idea de que é nin para que serve, salvo para agochar os cartos, e non pagar un peso de impostos, que para iso agora resulta que Facenda non somos todos, e todo era tan so un eslogan deses publicitarios, e unicamente somos os parvos coma min que non podemos ter contas en Suiza, Panamá ou Jersey, que por certo nin idea de onde queda este paraíso, porque eu son un pasmón, un máis deste país das marabillas de Alicia e o seu coello branco.

E, de remate: Corrupción, mentiras, falsidades, defenderse entre eles -a casta-, unha xustiza para o que rouba un banco e outra para o banqueiro, e todo legal, perfectamente legal, porque, xa saben, aquí temos o poder lexislativo, o executivo e o xudicial, e sonche independentes?, un doutro. Ah, pero iso si, en xuño coma borreguiños ao matadoiro imos de novo a meter un papeliño co que máis dun xa sabemos o que fan e se limpan despois do noso voto, nunha furna de cristal, a mesma na que o resto do ano estamos atrapados.

Compartir el artículo

stats