Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

O último tango en Buenos Aires

Créanme as boas xentes novas -de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais- que o relato que segue resulta axustado por completo á veracidade histórica; en todo caso, de persistiren aínda na incertidume, acudan prestos á memoria dos seus maiores e/ou das hemerotecas ad hoc. Pois si, raparigas e rapaces meus: houbo un tempo, no percorrido deste país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos, no cal, para podermos visionar como se ten de bailar un tango como lle cómpre -isto é, en todo o seu esplendor e sensualidade infindas-, non lle había máis remedio que armarse de paciencia e tomar o "Shanghai Express" (o avión e mesmo o automóbil resultaban prohibitivos in illo tempore) a fin de, logo de 22/24 horas de andaina e mercé ao esforzo das inesquecibles "xaponesas", as 7900 e 8900, sermos quen de arribar a Barcelona-Estación de Francia (esoutra de Sants non comezou a funcionar até 1979; sorry, son fillo e sobriño de ferroviarios). Daquela, xa situados na capital catalá, había que procurar de contado traslación ao outro lado da fronteira: concretamente, á veciña e amable Perpignan, na cerna mesma do Rosillón. Alí, calquera taxista e/ou pión con opinión coñecía ben o obxectivo final da longa peregrinaxe: en pleno Boulevard Wilson, a pantalla do Cinéma Castillet transformábase no epicentro feliz, procurado altar, arelado santuario sobre o cal Maria Schneider e Marlon Brando -Bernardo Bertolucci a dirixilos eficazmente; a música de Gato Barbieri ao fondo- axeitaban, manteiga lubricante polo medio, a súa tórrida relación para pasmo e abraio de miles de españolitos/as un tanto/moito desconcertados diante de tan insólita proposta cinematográfica: nin que dicir ten, estou a referirme a "O derradeiro tango en París".

Con certeza que nin Dna. Isabel Preysler vén ser unha debutante actriz amateur de 20 primaveras nin tampouco D. Mario Vargas Llosa resulta un recén enviuvado de 45. En fin; a portada do "¡Hola!" arxentino pouco, ou nada, ten que ver -polo menos, na aparencia- con aqueloutra do Castillet (e/ou esoutras de Le Royal Cinéma, en Biarritz e, tras a Revolução dos cravos, do desaparecido Cine Ibéria, na irmá Valença do Minho); doutra parte, e tal e como anotaría D. Alfonso Guerra, a "España no la conoce ya ni la madre que la parió", así que... Sen embargo, por máis que fagamos en favor do contrario, si que semella pouco probable -non lles parece?- que poidamos evitar as correspondencias; ao cabo, o cambalache e a milonga van como van. E vale, entón, que o autor hispano-peruano, cuberto con sombreiro "barriero" e ataviado de negro teña un inequívoco aquel draculiano/draculiense -algúns impíos e revoltés chegan a afirmar incluso que o recente libro do Nobel, "Cinco esquinas", leva semellante título porque os cairos de D. Mario están tan e tan afiados que posúen, literalmente, iso mesmo: cinco esquinas, cada un!- e vale aínda que houbese que contratar todo un servizo especial de mucamas e, asemade, facer permanecer en alerta vermella un equipo especial de traumatólogos, cirurxiáns plásticos e enfermeiras -algúns falan igualmente dunha planta enteira reservada, por se acaso, nun cercano e moi luxuoso xeriátrico- a fin de que a Sra. Preysler fose caber finalmente dentro do pantalón "pitillo" de coiro, o xersei negro e mais os taconazos de agulla. En fin; vale aínda que todas as farmacias da redonda revisasen, e ampliasen, a súa dotación de Viagra super active, a moi pertinente parafernalia de sildenafilos, remedios contra o colesterol, a hipertensión, flatulencias múltiples e tamén os apósitos para as perdas leves. Que lle queren Vdes.?, os xogos da idade serodia é o que teñen... Mais, en todo caso, e digan o que digan, anoten o que anoten/anotemos os maldicentes, ninguén poderá negar o evidente: brillo e contraste; axuste de cores; ton, saturación e luminosidade; coloración; vinte dúas capas; computación 2D; editores de gráficos rasterizados e vectoriais; ecualización e filtros....: en fin, a mellor tecnoloxía acudindo, solícita e beneficiosa para maior gloria do papel couché e mais a epifanía do rosa (ok, poñamos que do rosa amarelado). Si señor; velaí o que se denomina todo un poderoso Photoshop con glamour e categoría! E é que, con certeza, o último tango en Buenos Aires non podía/non pode pasar por menos!

"... Pero a miras de perto, e por moita maquillaxe que lle bote enriba, a ela nótanselle as enrugas; os anos non perdoan a ninguén! Canto a el..., seica tamén pasou polo quirófano tres ou catro veces, xa che digo o que hai!" "É que a ela non se lle pousa enriba unha mosca! E que me contas del? Pois mira: será moi bo escritor, pero... vaia peixe!"

Como din Vdes? Que todo é pura e dura -"cochina"- envexa? Pois si.

Compartir el artículo

stats