Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

A banda na Ascensión

O pasado xoves, día da Ascensión, era un día de bullicio en Compostela, a choiva non impedíu que pola tarde as prazas de Cervantes e o Toural estiveran cheas de xente seguindo as actuacións dos distintos grupos folclóricos que actuaban na cidade. Santiago de Compostela ten moita afición pola música tradicional e pola capital teñen pasado as mellores agrupacións e solistas do panorama galego e internacional así que que nos bares e nas rúas ademais de ver os espectaculares traxes tradicionais dalgunhas agrupacións tamén podíase oír as valoracións desta ou daquela actuación.

Ás sete e media da tarde comeza a correrse a voz de que o concerto principal da Ascensión, programado na Praza das Praterías, trasladábase ao Teatro Principal por mor da choiva e para alí marchamos para ver o espectáculo ofrecido pola Banda Municipal de Santiago, o Cantorum Compostelana Coniunctio e a Banda de Gaitas de Forcarei.

Ás oito da tarde xa non había espazo no Teatro Principal e ás oito e cinco pechan as portas de acceso quedando na rúa tanta xente como dentro do recinto.

Comeza o concerto e un público entregado aplaude as pezas que ata o momento interpretaban a Banda Municipal e o Cantorum Compostelana, pero cando se integra no escenario a Banda de Gaitas de Forcarei, esa entrega convírtese en entusiasmo, sorpresa e admiración e teñen que abrir as portas para que os que esperaban na rúa tamen poidan disfrutar do concerto, aínda que sexa de oídas.

Unha muller da última fila comentaba coa súa amiga que se estremecía co ben que sonaban as pezas, persoal do Teatro Principal valoraban o saber estar dos nenos e nenas da Banda de Gaitas de Forcarei e os veciños e veciñas de Soutelo de Montes que alí estabamos sentimos a necesidade de contar e de que se saiba que a Banda de Gaitas e os seus compoñentes triunfaron en Compostela.

Sabemos, polo que contou Castelao, o que sentiron as xentes do noso pobo aquel mes de xullo de 1924 cando Avelino Cachafeiro foi galardoado como o mellor Gaiteiro de Galicia pero o pasado xoves cinco de maio de 2016 puidemos imaxinalo.

*Edil e veciña de Soutelo.

Compartir el artículo

stats