Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Os Números de Lesbos

Esta fin de semana, o Papa Francisco viaxou á illa grega de Lesbos para coñecer de primeira man o que chamou "a maior crise humanitaria dende a Segunda Guerra Mundial", atraer a atención do mundo ante esta gravísima situación e implorar unha solución á comunidade internacional.

Este home bo, con 80 anos ás súas costas, decidiu esquecerse da plácida vellez que merecería para, por amor e obediencia, adicarse á loita polo ser humano. Este xefe de Estado que goza dun salario mensual de cero euros conseguiu nuns intres que tódalas cámaras de televisión do mundo virasen cara ese lugar onde o inferno se fai hoxe realidade.

Grazas ao maxestoso e enérxico dedo deste avó bondadoso que sinalou cara esa illa, ti mais eu puidemos mirar o mal que somos capaces de provocarnos uns aos outros e que con frecuencia, e por interese, esquecemos. E agora que o vexo alí, entre eses refuxiados, penso como sería a miña vida, a nosa vida, se nun intre deixaramos de ser o que somos -persoas- para ser o que eles son -números-.

Si. Eles son números almacenados nun recuncho cheo de lixo e excrementos, onde xa non pode caber nin a esperanza, nin a paz, nin sequera os soños máis sinxelos. Números despedidos das súas casas sen razón (se é que existe algunha razón para botar a alguén do seu fogar). Números que, tratados coma bestas ou alimañas, foron obrigados a lanzarse mar adentro subidos a unhas lanchas de merda fabricadas e vendidas por mafiosos turcos cun corazón (se teñen) formado do mesmo pestilente material orgánico. Números que viron afogarse no mar aos seus fillos ou ás súas nais. Números que berran en silencio sorprendidos cunha Europa que outrora foi o berce da democracia e dos dereitos humanos e hoxe non é máis que un cúmulo de toscos despropósitos e necias preocupacións que lles dá voluntariamente as costas.

"Comprendo certo temor -dixo Francisco- pero pechar as fronteiras non é a solución." E esas fronteiras pechámolas nós, os europeos, cidadáns do século XXI (vaia século!) capaces da maior das indiferencias ante o sufrimento humano porque andamos, ai!, ocupadísimos pola nova temporada de Juego de Tronos e por ser os limpabotas de ilustres suxeitos de dubidosa moralidade.

É certo que os xestos se poden finxir pero os pequenos detalles adoitan delatarnos. Francisco non foi a Lesbos (só) a facer gala do seu bo uso dos xestos; foi ver, cheirar, mirar, chorar e buscar, tamén, a tres familias de refuxiados musulmáns que agora, grazas a el, viven dentro do Estado do Vaticano; el 12, España 18. Persoas, non números.

Quen quere facer algo atopa o medio; quen non, a escusa. Pero paciencia ratos, que xa ardeu o muíño, non?

Compartir el artículo

stats