Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Propaganda

Dereitos humanos, democracia, terrorismo, ademais de conceptos de natureza política, funcionan como unidades ideolóxicas mínimas, ou sexa, ideoloxemas. Serven na guerra de propaganda como proxectís balísticos ou autopropulsados que se lanzan contra o Inimigo.

O Goberno de España acusa a Venezuela de non respectar os dereitos humanos e de que alí non hai un réxime democrático. Non está dacordo con esta España da Grande Coalición, por exemplo, a Fundación de Jimmy Carter, a cal proclamou perante o mundo enteiro a limpeza de varias das vinte aleccións que respalda o goberno chavista.

O primeiro, por orde cronolóxico de aparición, dos dereitos humanos é o de autodeterminación dos pobos. Todo pobo que non se sinta ceibe ten o dereito de separarse do poder que o domina e fundar un Estado nacional propio. Digo que é o primeiro porque o dereito de autodeterminación está na base da Declaración de Independencia dos EE UU de América, país que nace á historia emancipándose da coroa inglesa e fundando unha nova república precisamente federal.

Na actualidade a ONU recoñece, como dereito fundamental, o de autodeterminación, pero este non rexe en España nin figura na súa Constitución. En canto a terrorismo, eu propoño que os politólogos do Instituto Elcano, que sairon do nada para se poñeren de moda en Madrid, convoquen un premio internacional que lle sería concedido a aquel capaz de definir, con validez universal, a noción de terrorismo. A conclusión do concursante intelectualmente libre só poderá ser sartreana: o terrorismo son os outros.

Se España non considera terroristas os que queimaron dentro dunha casa en Ucraína, non poderá chamar terrorista a ninguén. O cínico faise evidente cando a OTAN e os EE UU falan de que en Siria hai terroristas bos e terroristas maus. Os avións rusos fan mal ao combater os primeiros. En canto a democracia, limitareime a decerlles, por se se esquenceron, que a denominación oficial do réxime fascista (eu digo así porque tamén escollo as verbas) de Franco era "democracia orgánica". O discernimento e a razón crítica deben guiarnos entre estas palabras proxectil que asubían e estoupan darredor de nós.

Compartir el artículo

stats