Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Israel e o Estado Islámico

O pasado 1 de abril, e trasladando de contado o inquérito a Miguel-Anxo Murado, preguntaba(se) Xosé Luís Méndez Ferrín -quen, como todos os, sempre moi amables, lectores destas crónicas coñecen, escribe desde aquí ao lado; vaian procurar a porta situada máis a esquerda- os motivos polos cales o Estado Islámico non ataca a Israel, xa sexa nos, ocupados, Altos do Golán xa en Tel Aviv, Haifa, Beersheba..., isto é no propio corazón do país xudeu. Evidentemente, o autor das presentes liñas está ben lonxe de dispoñer da precisa información, da experiencia e mais os coñecementos..., en fín, de todas aquelas capacidades que si goberna con eficacia o admirado amigo Murado. Non obstante, como son moitos os anos de amizade -e aínda de labor común- que me unen co autor de "Con pólvora e magnolias", permítame el -e déanme tamén licenza Vdes.- para tentar aportar sequera algunha consideración da miña parte.

Prescribe o "Artha-shastra" indio -da man de Kautilia/Chanakia Pandi, aló nalgún espazo entre o século I a.C.- III d.C.- que "os inimigos dos meus inimigos veñen ser os meus amigos." Da súa parte, declarou Winston Churchill: "Se Hitler invadise o Inferno, gustaríame facer polo menos unha referencia favorable ao Demo na Cámara dos Comúns". En fin, veñen as anteriores citas a conto porque -máis aló das teorías conspiratorias-, tal semella que a complexa realidade do chamado Oriente Medio coincida en boa medida cunha daquelas partidas de póker artelladas nos salóns de xogo dos barcos que navegaban o Mississipi na segunda metade do XIX: as alianzas e as contra-alianzas a esvaeren de súpeto diante dun full e, xa non digamos, se alguén nota, ademais, o canón dun colt a apuntarlle ás partes nobres por debaixo da mesa.

Daquela, na conxuntura de agora mesmo, tal parece que Israel -"Israel; c'est-à-dire, les États-Unis", parafraseando libremente a Jacques Chaban-Delmas- e mais o denominado Estado Islámico coincidan no afán de arredar do taboleiro un mesmo suxeito: os estados laicos e socializantes de tradición nasserista. Da parte xudía porque os tales estados -o pouco que deles resta en pé-, con todos os defectos e deficiencias democráticas que se lles queira obxectar, constituíron de veras unha alternativa, unha opción eficaz entre a pura e dura sumisión aos ditames e intereses do feudalismo saudí (e mariachis, digo emiratos adxuntos) e esoutra humillación, sen máis e abandonando Palestina ás intemperies do fado, perante o lobby sionista (si; sionista, así e con todas as letras). Da parte do ISIS, porque na súa visión escatolóxica da Historia -que enmarca, ao cabo, unha guerra civil dentro do propio mundo islámico-, acontece que resulta prioritaria a loita, a destrución dos "hipócritas" -tales Hezbolá, o Irán chií ou, xa non digamos, os seculares palestinos de Al-Fatah- antes que iniciaren a grande ofensiva final contra todos os inimigos do (seu) Islam. É dicir; Israel pode esperar polo momento, o que non significa en ningún caso que o ISIS renuncie a "darlle o seu merecido" nun futuro máis ou menos próximo.Reiteremos, pois: o puzzle conforma curiosos veciños compartidores temporais, e mal que lles pese, dun mesmo leito.

Bélxica, os Países Baixos..., mesmo esa Francia aturdida, aínda a acreditar/facer que acredita no mito da grandeur, pouco máis poden facer, en represalia aos ataques, que enviaren -e iso cun custo enorme para as súas arcas e, ademais, coa opisición dunha parte ben considerable das opinións públicas- media ducia de cazabombardeiros a Siria. Sen embargo, de estouparen as bombas de Bruxelas e París en Tel Aviv, habería que amarrar polo pescozo aos xenerais israelís para que estes -e aquí co 100% da cidadanía de Israel apoiando a decisión- non ordenasen de contado que os seus carros de combate e mais as súas tropas de infantería fosen cruzar as fronteiras do Líbano, Siria ou Xordania na procura da vinganza inmediata. Xa que logo, co Tzáhal -as todopoderosas forzas armadas xudías- a ocupar as rúas e prazas de Damasco, Aleppo, Manbij...., imaxinan Vdes. cal viría ser a reacción dos despachos e estancias pacegas de Riad, Abu Dabi...? E que dicir, así mesmo, desoutros de Moscova e/ou Teherán?

O ISIS ataca, polo tanto, onde pode/onde lle deixan (por vía activa e/ou pasiva) atacar. Ataca, desde logo e sen misericordia, os seus irmáns árabes: laicos, cristiáns e/ou "herexes", "desviacionistas" respecto do "verdadeiro" Islam, todos eles veñen ser aínda peores, por traidores, que os propios infieis. E golpea igualmente nos arrabaldes do Imperio infiel -iso vén ser, en realidade, a Europa actual-, tan mexericas respecto a verter o sangue propio -que non o alleo- como desarmados militarmente (e moralmente), por completo dependentes da loxística norteamericana. Pero non pode golpear/non lle deixan/non resulta oportuno, na hora presente, Tel Aviv. En fin, desde logo, nada máis lonxe da intención deste modesto cronista que ofertarlle ideas a Belcebú, pero... e Nova York? E Washington?

Compartir el artículo

stats