Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

En mans incompetentes

Andaba falando sobre a planificiación territorial galega cando apareceu a noticia da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Cadrou que puiden revisar o 'Informe Xustificativo' cerdedense e pasei a ruminar que quen escribiu tal seguramente nunca viu diante unha memoria xeográfica, nin nada parecido.

Obviemos por un instante que algo tan serio debería ir acompañado dun plan municipal completo. Obviemos que ese plan debería responder á chamada 'planificación territorial estratéxica'. O facto é que o informe, un mero texto auto-xustificativo, non ten valor técnico e chega a afirmacións erradas baseadas en datos parciais e sen contraste.

Comeza ben, curiosamente, cando di "o marco territorial está obsoleto". Efectivamente, é unha desfeita, e as provincias/deputacións e municipios son parte intrínseca dese problema. Pero este é un debate tan vello como a súa aparición en 1833, raiz dunha serie de desaxustes que sofrimos desde entón.

Con dúas unidades morfo-xeográficas sen continuidade, o novo concello Cerdedo-Cotobade sería unha estrutura aínda máis deslabazada. É tamén evidente que as dinámicas socio-económicas de ambos concellos presentan diferenzas que terán que ser harmonizadas seguindo un detallado plan de? ah, que non había plan.

O cálculo oficialista xira arredor do axioma 'a máis poboación máis axudas, a máis axudas menor perda poboacional'. Lamentabelmente, non se explica a correlación entre diñeiro e correción do saldo vexetativo, basicamente porque non é automática. Tampouco se explica se houbo medidas no pasado, se fallaron e porque. Dependerá este novo superconcello das esmolas da Xunta para sempre?

A perda de poboación do rural galego é outro debate que nos levaría de volta ao caos territorial. Resumindo, pódese dicir que non hai un modelo territorial para Galiza, unha idea do que somos e aonde queremos ir que poida ser utilizada por plans locais coordinados. Para rematar, con esta fusión destrúese o mapa comarcal de 1997, é dicir, o pouco que algún día podería chegar a servir como alternativa vertebradora. A desacertada frase "aínda que pertencentes a distintas comarcas ? presentan unha indudable [sic] similitude e continuidade" provoca o desacougo de saber que estamos en mans desinformadas e, dada a sua responsabilidade, incompetentes.

Podemos errar, é humano, mais nunca por causa do desespero, improvisación ou ignorancia. As fusións municipais por elas mesmas non resolverán grande cousa, creándose novas xurisdicións artificiais nun marco xeral eivado con consecuencias das que non sabemos nada. No mellor dos casos será unha situación de 'pan para hoxe', cando Galiza precisa primeiro dunha urxente reformulación espacial total.

Contodo, a proposta de fusión Cerdedo-Cotobade debería ter seguido unhas etapas ben definidas baixo constante escrutinio público, pois lidamos cun tema crítico que xoga co futuro dos viciños e viciñas e que precisa de todas as garantías posíbeis. Abofé, algo tan delicado debería ter estado nos programas das eleccións locais do ano pasado, e non vir agora cunhas presas incomprensíbeis cando isto chama a un proceso lento e pausado, pero témome que iso dá para outro escrito.

*Xeógrafo especialista en xeografía cultural (Universidade de Compostela) e ordenamento e planificación territorial (Universidade de Cork, Irlanda)

Compartir el artículo

stats