Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Recuperar Elduayen

O éxito da Festa da Reconquista reactiva o noso interese polo proxecto de recuperación do Casco Vello. Unha actuación na que a Xunta de Galicia (90 por cento) e o Concello de Vigo (10 por cento) uniron os seus esforzos en 2005 creando o Consorcio do Casco Vello coa intención de desenvolver un proxecto de rehabilitación integral do centro histórico de Vigo. Dúas décadas nas que se acometeu unha custosa actuación na súa zona alta, a máis deteriorada, o espazo comprendido polo barrio de San Sebastián, a rúa da Ferraría, a praza de Calatrava e a rúa Abeleira Menéndez, onde se construíron case un cento de novas vivendas de promoción pública destinadas á venda e se habilitaron algúns novos locais para aluguer que comezan a ofrecer as súas actividades comerciais e servizos.

Xaora, chama a atención que esta actuación urbanística no Casco Vello coincidise coa degradación imparable de Elduayen, que esgaza o barrio en dúas zonas. Unha rúa, á que inicialmente se chamou Travesía, a partir de 1887 Elduayen, na honra do deputado liberal conservador que a promoveu no marco do proxecto de derrube das murallas que cinguían o Vigo vello. Concibida como a travesía da Porta do Sol á estrada de Camposancos, supuxo a ampliación da rúa Sombreireiros e a comunicación co barrio da Falperra. Dende a súa apertura tivo algúns edificios pétreos de valía, representativos da arquitectura ecléctica de finais do XIX, algúns deseñados polo arquitecto Jenaro de la Fuente, como a Casa de Lorenzo Rodríguez (recuperada hai ben pouco na confluencia coa Porta do Sol) ou os edificios Abeleira e Arbones. Como tamén se edificaron en Elduayen algúns dos primeiros "rañaceos" vigueses, como o chantado á altura das escaleiras da rúa San Xulián, ou construcións con formidables vistas á ría.

A pesar da humanización das beirarrúas e a redución de velocidade nunha zona de tráfico intenso, magoa pasear por un Elduayen con tanto locais pechados e algúns edificios arruinados. Lembramos a rúa en todo o seu fulgor comercial, tanto na man da Ferraría como na da banda do mar. Case podería recitar os establecementos da miña nenez, que ían dende a Droguería La Única até o comercio Los Chicos (de Ferro), situado nos baixos do edificio que pecha a praza de Argüelles. Lembro Paños Vergas, Mobles Cambón, a tintorería, o bazar, a Casa das Medias, a librería Tetilla (onde Eugenio Barrientos tivo a sede da editorial Cíes), a reloxaría Valderas ou a farmarcia de Crespo e a pastelaría de El Buen Gusto, os dous últimos resistentes. Como da man da oliveira do Paseo de Alfonso lembro as Galerías Asefal e as oficinas de seguros La Fe, Confecciones Gallego (o comercio de don Benjamín, onde mercaba miña nai), a tenda de electricidade de Santiago Vidal, o estanco, a inesquecible libraría Pax, a Corsetería Imperio (aínda aberta) e un par de reloxarías e comercios de roupa.

Aquel bulir comercial de Elduayen desapareceu. Sen apenas poboación residencial, con algunhas oficinas abertas, a actividade da rúa quedou case arrasada pola crise do pequeno comercio, mais tamén polos efectos paralizantes da actuación fracasada no Barrio do Cura (liquidada pola sentenza recente do TSXG) e pola incapacidade do plan do Casco Vello de convertela en ponte e punto de encontro entre as dúas partes do barrio. Problemas semellantes aos que sofren as rúas Carral e Laxe, nacidas tamén a finais do dezanove coa intención de comunicar a Porta do Sol co porto. Tres rúas que forman parte da liña perimetral do Casco Vello. Tres rúas que poderían ser potenciadas como espazos residenciais, comerciais e de oficinas coa intención de consolidar poboación e actividades económicas. O que axudaría a proxectalas sobre o interior do Casco Vello.

Despois de dúas décadas de "actuación rexeneradora" e bastantes millóns investidos, hai indicios abondos que alertan sobre a existencia de carencias no proxecto do Casco Vello, que priorizou a terciarización hoteleira na zona baixa e a xentrificación na alta, onde son evidentes as dificultades para facer viables os novos negocios e actividades alí instaladas. Máis alá do "éxito" popular de transformar a praza da Constitución nun espazo de terraceo privado ou de converter cada fin de semana a praza da Colexiata nun botellón de deseño, convén non esquecer que no Casco Vello existen aínda zonas deterioradas, como hai dificultades para ofrecer un futuro esperanzador para o conxunto dos habitantes do barrio, tanto os recén chegados como os residentes, tanto os que viven en situación acomodada como aqueloutros que sofren da maior precaridade. Tras dúas décadas de actuación no Casco Vello, convén avaliar o que e como se fixo, ao tempo que debater sobre o que cómpre facer no futuro. Ademais de actuar sobre a fachada do Berbés, entre as novas propostas eu apostaría por deseñar unha actuación integral específica para Elduayen.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats