Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Tema para Murado

O viaxeiro xentil e desprevenido sorpréndese, ao chegar a Israel, de que alí haxa xudeus que non parecen xudeus. Pódense ver cidadáns israelitas de todos os tipos raciais, e axiña o viaxeiro chega á conclusión que o "aspecto xudeu", esmaciado, fedorento, hepático e narizón, no que mesmo Vicente Risco acreditaba, só se encontra nos antigos chistes gráficos.

Sería ben doado que un djihadista con pinta de árabe e acento árabe nun escaso hebreu en nun inglés de supermercado se coase sen chamar a atención nunha cidade do país para cometer un crime de masas. Non chamaría a atención, pois, en Israel, hai numerosos xudeus árabes e con pinta de árabe caricaturesco. Uns son os que chegaron desde países árabes, nos que se inclúen os famosos yemenitas que viaxaron a Israel a pé e cruzando desertos en plan bíblico. Outros son os árabes (cristiáns, musulmáns ou ateos) que gozan da plena cidadanía israelita, votan nas eleccións e teñen os seus partidos ben representados nun parlamento pluralista. En principio, AlQaida ou EI (ou como se chame) debería odiar máis os israelitas que os belgas. Por qué esas organización non atentan contra o corazón do que, en termos maoístas, consideraríamos o inimigo principal a fin de facer evidente a contradicción principal e o aspecto principal desta contradicción?

Pregunta, a anterior, que ligaría con esta outra; por qué os djiyahistas ou almorábides contemporáneos non disparan os seus bazookas nin as súas metralladoras de fita interminábel contra os Altos de Golan que son territorio sirio ocupado por Israel? Por qué o ensañamento deste exército sombrío se acumula contra o gobernó laico, progresista e nacionalista panárabe de Siria? Preguntas que nos levarían a aquela que estamos desexando que algún responsa sobre quén arma, alimenta, paga e marca obxectivos a tan despiedada e numerosa horda.

Morreu, supoño que dominado polo noxo, o meirande intelectual árabe da miña xeración: Georges Tarabichi. Del trataremos eiquí, tamén decepcionados polo desastre escuro que arruinou aquela nación árabe que nós coñecimos formando repúblicas laicas e desafiando o futuro con optimismo. Un magnífico escritor galego que entende destes asuntos, Miguel Anxo Murado, ben podería explicarnos por quen Israel está protexido nesta guerra fea.

Compartir el artículo

stats