Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

O bico

Os bicos, como manifestación de agarimo, amor, tenrura ou desexo, sonche respostas de amor, de respecto, de recoñecemento ou estima, un impulso, afectivo, químico social, sen dúbida algunha, que todos nós desexamos, practicamos e gozamos.

Os antropólogos pensan que a orixe do bico se perde na noite dos tempos, nos primeiros pasos do homo sapiens, cando as nais mastigaban os alimentos e os pasaban directamente dende a súa boca os fillos, aínda que non hai ninguén por aquí para confirmalo. Do que si que temos constancia na escrita grazas ao texto na cultura indú, O Kamasutra, libro sagrado do Deus Vatsyayana, éche dos primeiros bicos eróticos sexuais na historia do home, alá polo 1500 antes de Cristo.

O bico, como acto de xuntar os beizos, normalmente contra a boca ou pel doutra persoa, como foco sumamente sensitivo do noso corpo que sonche, ten unha función biolóxica inesquecible, xa que as nosas terminacións nerviosas, transmiten de xeito inmediato mediante impulso neuroeléctricos, diferentes estímulos ata cinco terminacións nerviosas craniais, utilizados polo cerebro para discriminar a situación, as sensacións, os olores, sabores, sensacións táctiles, agrado e pracenteras ou de desagrado. Neste proceso o noso cerebro libera en resposta a esta estimulación labial do bico, sustancias químicas como a oxitocina, a dopamina, e a adrenalina, que o torrente sanguíneo se encarna de levar polo noso corpo orixinando a resposta adecuada do suxeito; respostas sexuais, erección do pene ou clítoris, sensación de benestar grazas a dopamina, cambios na presión arterial, suoración, cambio do ritmo cardíaco, aumento de glucosa, en suma, respostas químicas todas elas a un estímulo que o cerebro discrimina adecuadamente nun ou outro sentido, por suposto non ten porque entenderse sempre que sexa polo camiño do erótico, aínda a súa enorme importancia nunha relación sexual.

A historia da arte, da literatura, nas culturas dos pobos estanse cheos de exemplos do que para os homes é o acto de bicarse. Na antiga Persia, na mesma terra da vergoña actual, os homes bicaban as bocas dos do seu mesmo rango unicamente. Séculos despois na Grecia clásica tan so se permitía o bico nos beizos, entre padres e fillos, ou irmáns. Para os celtas, o bico tiña propiedades menciñeiras e usábano para sandar enfermidades e doenzas. Coñecemos casos nalgunha cultura e etnia africana, na que os homes bican o chan onde pisou o xefe da tribo. Entre os usos e costumes das xentes de Escocia e Irlanda, ata hai ben pouco tempo nas vodas a noiva bicaba a boca a todos os homes, convidados, a cambio de recibir o seu agasallo e bendición polo casorio. Nos pobos das frías terras do polo, para os inuits, esquimais, bicarse é mostra de agarimo, e asimesmo rozan o seu nariz no acto do bico.

E que imos dicir do famoso bico francés -con lingua-,creado como mostra de revolución social no 1920, cando durante a revolución industrial na nosa culta Europa, fora prohibido polas autoridades bicarse en público.

Pero, para bico fermoso, o de Disney, na película A dama e o vagabundo. Quen non recorda aqueles dous cas comendo o prato de espaguetis e bicándose ao final del.

Compartir el artículo

stats