Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

España y sus Colonias (1)

Nas cidades da miña nenez había comercios que se chamaban "Las Colonias" ou "España y sus Colonias". Moitas antigas colonias de España eran consideradas "provincias de ultramar", e as tendas dicíanse de "ultramarinos" polo azucre, o café e o cacao. Os comercios deste tipo "ao maior" recibían o nome de "almacén de coloniales". España retirouse, expulsada polos patriotas e polos EE UU, de Cuba, Puerto Rico, Filipinas e Guam, en dura e cruel guerra. Pouco a pouco os "ultramarinos" e os "coloniales" foron desaparecendo. Desapareceron eses nomes ao mesmo tempo que o idioma castelán, chamado con soberbia imperial "español", se extinguía nas Filipinas substituido polo inglés.

Estas antigas colonias, a partir de 1898, foronse independizando ou norteamericanizando, e deixaron as xentes de lles chamar "peninsulares" aos habitantes da antiga metrópole. Empezáronlles a chamar só dunha forma, e moi clara: "españoles". Unha illa caribeña, Puerto Rico, non conseguiu aínda independizarse dos EE UU, Imperio que substituiu a España na opresión colonial. Todo parecía indicar que Puerto Rico abandonaría o uso do castelán e asumiría o inglés. E non foi así. A lingua, a cultura, o sentimento de pertenza e a lealtade lingüística fixeron que o castelán permanecese en Puerto Rico e nas comunidades portorriqueñas dos EE UU. E isto produciuse mercé a que o pobo de Puerto Rico é patriota e independentista. Todos saben que non hai outro futuro digno para a Illa que convertela nunha república independente. A diferencia entre unhas e outras opcións políticas áchase no grao de independencia e no tipo de camiño á independencia que se escolla. Esta actitude, que é a que salva da morte alí o castelán, pode costar moi cara.

A Academia Española reúnese en Puerto Rico, e fai ben. Pero tería que pedir na ocasión, por exemplo, a libertade de Oscar López Rivera. Este home está preso por defender a lingua castelá e a identidade nacional de Puerto Rico. Preguntáronlle a Raúl Castro, diante de Obama, polos presos políticos cubanos. Pena non contestar á pregunta recordando que os presos políticos de Cuba están na base norteamericana de Guantánamo. E aproveitar para reclamar a libertade de Oscar López Rivera. Non o fixo porque a circunstancia facía imposibel tal declaración.

Compartir el artículo

stats