Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Resposta á patroa maior de Lourizán

Vimos de ler a extensa colaboración que baixo o título "APDR e as mariscadoras" publica Vde. no xornal Faro de Vigo o 18 de marzo e na que verte certas acusacións contra a miña persoa e contra a Asociación Pola Defensa da Ría da que son presidente, acusacións coas que, por forza, non podemos concordar por entender que faltan á verdade.

Descoñecemos, en primeiro lugar, a que recentes declaracións se refire Vde., pois non cita a fonte; en calquera caso, teño moitas dúbidas de terme expresado nos termos que Vde. refire, simplemente porque aínda coñecendo que no sector existe certo ruxe-ruxe nese sentido, non adoito facerme eco desas posicións publicamente. Direille, ademais, que por suposto respecto as posicións persoais de cada quen e as do colectivo que Vde. representa. Pero ese respecto non me pode levar a entender que desde a súa posición se fagan declaracións que, obxectivamente, benefician a ENCE e entran en contradición cos intereses do sector. Porque Vde. ten a obriga de defender o marisqueo contra todo tipo de contaminación e contra todos aqueles focos, industriais ou non, que a provocan.

E está ben que lembre, Sra. Vázquez, ás mariscadoras que nos anos 50 loitaron contra a instalación da Celulosa e o papel xogado pola maioría das xentes da cidade. A pesares de ter chegado a Pontevedra nos anos setenta, coñezo, aplaudo e admiro esa loita que -por certo- está aínda por recoñecer publicamente como se merece. Por desgraza, as tornas teñen mudado e hoxe -nun escenario ben distinto- bótase en falta aquela valentía do sector na defensa dos seus intereses fronte á hipoteca do seu futuro en forma de prórroga.

Porque, Sra. Vázquez, resulta certamente sorprendente o airado das súas críticas á APDR, críticas nas que, por certo, bota man dos mesmos falsos argumentos utilizados a cotío por ENCE, e a condescendencia cunha empresa que ten estragado (e segue a estragar) a Ría impedindo a explotación racional do marisqueo. Non lembro ningunha ocasión na que Vde. se teña expresado en contra de ENCE en termos semellantes aos que utiliza hoxe para tratar de desprestixiar á APDR. E, francamente, non se pode entender. Porque na APDR podemos estar facendo as cousas ben, mal ou regular, pero ninguén pode poñer en dúbida a nosa loita contra a contaminación e na defensa da calidade das augas da Ría e do marisqueo; porque apostamos decididamente pola recuperación da vocación natural da Ría. E non lle podo admitir que utilice argumentos falsos. Non lle podo admitir, Sra. Vázquez, que diga que non nos ocupamos do problema dos vertidos domésticos; sinxelamente porque non é certo. Podería remitila á hemeroteca, pero abonda con dicirlle que a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE do pasado 10 de marzo á que Vde. alude, que condena ao Reino de España polo incumprimento da Directiva 91/271/CEE, ten a súa orixe na queixa elevada desde a APDR á UE no ano 1999. Xa daquela, denunciabamos a falta de depuración das augas residuais urbanas e o incumprimento da citada Directiva. E debe saber que, contrariamente ao que Vde. afirma, augas residuais urbanas son as procedentes dos vertidos domésticos, pero tamén aquelas industriais que saen ao medio mesturadas con augas de orixe doméstica (o caso de ENCE como Vde. sabe). E direille tamén que os chamados coliformes fecais, son bacterias que, como xa lle explicamos en moitas ocasións, non son exclusivas dos vertidos fecais; están presentes en moitos outros medios, entre eles no proceso de fabricación da pasta de papel, no que o elevado contido en materia orgánica e as temperaturas elevadas son condicións idóneas para a súa proliferación. E Vde. sabe, porque veu as análises remitidas por Augas de Galicia, que no vertido de ENCE hai unha elevadísima carga destas bacterias coliformes, incluída a Escherichia coli que de forma incorrecta atribúe Vde. no seu escrito en exclusiva aos vertidos domésticos. Así, mentres Vde. prefire seguir insistindo en que o problema da Ría son só os vertidos domésticos, nós insistimos en que existe unha responsabilidade compartida entre vertidos domésticos e industriais, facendo fincapé na importancia relativa dos de ENCE polo volume de vertido e a súa carga contaminante. Así o vimos defendendo sempre e así o denunciamos na nosa queixa diante da Comisión Europea.

Por iso non pode dicir Vde. que non nos preocupamos doutras agresións á Ría; como non pode insinuar sequera que a recente sentenza europea da que vimos falando dea a razón aos que negan a incidencia dos vertidos de ENCE na calidade das augas da Ría, porque ese incumprimento da Directiva que sanciona, inclúe tamén aos vertidos de ENCE, á que a lexislación considera coma unha aglomeración de poboación máis.

E chama a atención que Vde., no seu desmedido interese en desprestixiar á APDR, pretenda afear o noso apoio ao sector na súa loita contra o intento do PP de privatizar as Rías coa chamada Lei de Acuicultura. Dubido que concorden con Vde. as representantes das mariscadoras e bateeiros con quen compartimos rolda de prensa previa á manifestación do 27 de febreiro, ou os representantes da Asociación en Defensa do Saneamento da Ría, cos que mantemos unhas excelentes relacións.

Xa por último, Sra. Vázquez, non dubide de que -con independencia das críticas que Vde. poida verter sobre a nosa asociación- non imos deixar de loitar polo saneamento integral da Ría e que, nese sentido, seguiremos coincidindo cos intereses dos sectores produtivos e abertos a seguir colaborando coa Confraría da que Vde. é patroa maior. Porque nesta loita non sobra ninguén!.

Mentres tanto, reciba un saúdo.

*Presidente da APDR.

Compartir el artículo

stats