Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O Limia como pretexto

Informáronme de neno sobre o Limia, río que, daquela, nacía na Serra de San Mamede e que, tras se disolver en réxime de endorreísmo na Lagoa de Antela, encanaba entre penedos pasada a Ponte Liñares. Formaba alí o Limia unha bisbarra moi pintoresca chamada Ribeira ou Ribeiro. Na zona de Porto Quintela, onde está a alfaia prerrománica de Santa Comba, o Limia constituía un belo val cargado de memoria histórica, no cal se asentaba a mansión romana de Aquis Querquennis.

Por Azeredo, fronte a Olelas, onde soan as únicas concertinas da música tradicional galega, o Limia entraba en Portugal e granxeaba hortas e prados nemorosos na aldeíña galega de Buscalque. Entraba o noso río en Portugal polo lindoso, castelo famoso. E pola Ponte da Barca ía ordenando veigas, pomares, laranxeiras, viñas e leiras ricas, até pasar so aquela Ponte de Lima en cuxas proximidades posibelmente cruzou o río Décimo Iunio Bruto Galaico. Logo o Limia ía morrer ao mar, coma fan os cervos de Pero Meogo na máis bela das cántigas medievais, en Viana.

Hoxe todo mudou. Xa non sei onde nace o rio Limia. A Lagoa de Antela foi desecada. Certo que segue a ser perceptibel a formalización do Limia na Ponte Liñares, onde deixa a tras a lagoa antiga. Logo o río é atacado pola man do home, de forma cruel.

Barraxes e barraxes, encoros e encoros, presas e presas, que alteran o seu curso e maltratan a súa vida. Primeiro fixeron o embalse das Conchas, disque para lle dar enerxía eléctrica a Vigo. Foi inauguralo Franco, que gozaba un mundo intervindo nos ríos e asolagando aldeas e veigas. Logo veu a barraxe do Lindoso, en territorio portugués, que afectou a Galicia.

Esta perpetrouse entre Franco e Salazar sen que haxa ser vivo que dese visto os documentos do pacto á luz da razón nacionalista galega e democrática. O encoro do Lindoso deixou Buscalque no fondo das augas, e os de Azeredo tiveron que subir a parroquia a Compostela, ben máis a encosto. Acórdome da desfeita do Limia porque acabo de ler que o mundo civilizado celebrou o Día dos Ríos. O Limia é só un exemplo de agresión ao medio no país que Cunqueiro chamara Dos Mil Ríos. Falamos dunha Galicia colonizada.

Compartir el artículo

stats