Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Na Taberna de Galiana

Participei nun debate sobre a serie española de TV "El Ministerio del Tiempo", que non é Doctor Who pero ten unha faísca. A xente da FPG consideraba El Ministerio un relato doutrinario en tempos de emerxencia dos independentismos. A aparición de María Pita, comentou unha xove científica, é toda unha homenaxe cifrada a Francisco Vázquez. Tratamos da posibilidade dun Ministerio del Tiempo en clave de emancipación galega, que podería chamarse "A Taberna de Galiana" en homenaxe a Álvaro Cunqueiro.

Segundo Asimov a imposibilidade da viaxe no tempo é esta: eu non podo ir ao pasado e matar o meu tataravó. O presente mudaríase e eu non podería regresar. O conto de Ray Bradbury sobre a cazata no pasado e a mudanza orixinada por pisar unha bolboreta pairou sobre a discusión. Que sentido tería unha Taberna de Galiana galega? Rectificar o presente no noso pasado? Imposíbel. En primeiro lugar, A Taberna de Galiana tería que ser forzosamente unha orzanización ilegal das chamadas "terroristas". Se un comando vai ao pasado, libera o noso rei don García, alía Galicia con Inglaterra, destituese Xelmírez e repón Diego Páez en Compostela, é posibel que no futuro (presente) Galicia tivese a forma dunha república independente e os expedicionarios temporais non poderían regresar porque non existían.

A serie madrileña só viaxa no tempo para que non se perdan as Meninas, nin o Quixote, e para que María Pita poida loitar contra sir Francis Drake por España. "El Ministerio del Tiempo" non "manipula" a Historia como din que facemos os nacionalistas nos nosos repugnantes escritos. El Ministerio só "reforza" a Historia de España como ela se vén manexando desde o poder. El Ministerio é un producto da crise de réxime e da crise de España que se vive actualmente. Robustece os valores míticos de España desde Altamira coidando de que no pasado ocorran as cousas tal como escribiron sempre os nacionalistas españois. En realidade, El Ministerio tería que facer comandos polo ben da España presente para que non se liberase a don García, para que os romanos nos exterminasen no Medulio, para que Joana non vencese a Isabel a Católica, para que o pobo e as elites ilustradas galegas non prevalecesen en 1846. Ou sexa para que todo ocorrese como ocorreu en Galicia. Xa iremos vendo no presente e sen a máquina do tempo de Wells.

Compartir el artículo

stats