Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

APDR e as mariscadoras

Recentemente, Antón Masa, presidente da Plataforma pola Defensa da Ría, con motivo da ampliación da concesión á empresa Ence, permitiuse a liberdade de verter á opinión pública certas consideracións acerca do colectivo de marisqueo a pé da nosa ría.

Masa refiriuse as mariscadoras como personas subvencionadas por Ence. Non contento con isto, atreveuse a crear unha clasificación entre mariscadoras non subvencionadas, e outras subvencionadas que contan cunha opinión totalmente contraria a súa.

En primeiro lugar, cómpreme dicirlle ao señor Masa que o pensamente individual de cada mariscadora da ría é soberano e inalieable, polo que a clasificación que fai deste colectivo dividido en dúas correntes que poderíamos calificar de "conmigo ou contra min", amosa unha falta total de respecto ao noso colectivo. Que non lle quepa a menor dúbida que dende a confraría de pescadores que presido xamáis se inculcou aos seus socios unha idea oficial, e vaise seguir respectando a opinión particular de cada un deles en relación coa planta de Ence na ría, como lle corresponde a calquer organismo que fundamente o seu funcionamento nos principios democráticos e de transparencia na xestión.

En segundo lugar, gustaríame saber que información manexa o señor Masa. As acusacións débense soster con datos fidedignos, porque en caso contrario só supoñen palabrerías ocas e valeiras de contido, discurso ao que parece agarrarse de modo desesperado Masa. Isto é un insulto en toda regra ao colectivo marisqueiro que na década dos 50, nun entorno social que nada ten que ver co actual, arriscou a súa integridade física e liberdade persoal, ata o punto de seren detidas e encarceladas 19 mulleres da parroquia na súa defensa da marisma de Lourizán fronte a agresión que supuxo a instalación da planta industrial.

Sen embargo, mentres as mariscadoras loitaban pola conservación da marisma, as clases sociais máis acomodadas da cidade amosaban o seu visto e prace ao suposto avance económico fundamentado no emprego industrial que se ía crear na zona, tachando de ignorantes ás defensoras da zona marisqueira de Lourizán.

Continuando coa análise que fai o señor Masa do problema da presenza de coliformes nas augas da ría, parece necesario explicarlle que a Escherichia Coli é un indicador, unha bacteria que nos permite medir a carga biolóxica nun entorno determinado. A orixe deste tipo de contaminación non é outro que as constantes verdeduras dende o sistema de saneamento urbano de Pontevedra, Marín, Poio e incluso Vilaboa, acaban sen depurar nas augas da ría de Pontevedra.

E o certo é que a responsabilidade da depuración das augas residuais e a sús condución cara a Edar dos Praceres correspóndelle a outros organismos contra os que o señor Masa non ousa alzar a voz, cando por mor da inadecuada xestión destes a día de hoxe e desde o ano 2006 a metade dun banco marisqueiro de 100 hectáreas está pechado á extracción. Curiosa defensa da ría practica a APDR. E como proba da importancia desta contaminación, abonda con botar unha ollada aos medios do día 11 de marzo no que se fan eco da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, no que se da un tirón de orellas ao Estado español pola deficiente depuración das augas residuais na ría.

Continuando coas suas manifestacións, Masa arrógase un coñecemento do sistema produtivo marisqueiro que amosa unha lamentable desinformación acerca do mesmo. Di que se extrae marisco de zonas C (válidas para a industria transformadora ou conserveira) para o consumo en fresco. Isto é rotundamente falso. As zonas obxecto de explotación para o mercado en fresco na ría de Pontevedra están cualificadas polo Intecmar como zonas B aptas para a extracción e comercialización de moluscos bivaldos en fresco. As zonas catalogadas como C, (a metade do banco de Lourizán máis próxima á autovía de Marín, por onde discorre o colector de fecais do casco urbano cara a Edar e o cauce do río Lérez dende a punta de Lourido cara a cidade) están pechadas á explotación dende hai anos.

O señor Masa aproveita a ocasión para lucirse nas mobilizacións do sector, como na pasada manifestación do 27 de febreiro, pese a non preocuparse por outras agresións á ría dedicando o seu soniquete monocorde contra Ence. E campos de batalla para defender a ría hai de abondo como a xa citada incapacidade por parte das administracións públicas (Concello e Xunta) e empresas adxudicatarias dos servizos de saneamento das augas residuais.

Toda esta batería de problemas non existen no discurso de Masa quen focaliza a atención dunha planta industrial que ogallá non estivese aí, mais o certo é que a metade dos bancos marisqueiros da confraría de Lourizán están pechados á producción por contaminación urbana e non pola industria.

En resumidas contas e como consello, máis lle valera ao señor Masa mudar o nome da Plataforma pola Defensa da Ría de Pontevedra, polo de Plataforma Contra Ence na ría de Pontevedra, porque o que é a defensa das múltiples agresións ás que está sometida a nosa ría, non é que entre no seu breviario precisamente.

Proba delo é a consideración de zona sensible obtida pola ría e o nacemento da Asociación en Defensa do Saneamento da Ría de Pontevedra, xa constituída por axentes do sector pesqueiro e acúicola, como son as confrarías de pescadores e as asociacións de bateeiros.

*Patroa maior da Confraría de Pescadores de Lourizán

Compartir el artículo

stats