Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Longa noite de pedra para os refuxiados

A máis de mil quilómetros de Bruxelas, onde estou, naqueles lugares onde se están xuntando milleiros de persoas que veñen tocar á nosa porta fuxindo dunha guerra e que loitan por sobrevivir, pouco importan as declaracións que cuspan os líderes políticos europeos actuais. Menos mal.

Hoxe sinto vergoña de ser europeo. Sinto vergoña de ser parte dun continente que non axuda aos que o precisan alegando que "non colle ningún refuxiado máis en Europa". Un continente que ten uns líderes coma o presidente do Consello, o polaco Donald Tusk, que se adican a lanzar mensaxes desalentadores con aires de superioridade a todas as persoas que se atopan camiño de Europa, dicíndolles que "todo o que fagan é en van".

Sinto vergoña de ser testemuña día a día das ilegalidades e das interpretacións burdas, manipuladas, interesadas e aproveitadas de leis que foron escritas para protexer a todas as persoas independetemente da súa nacionalidade, raza, sexo ou cor. Bo exemplo disto podémolo atopar en canto abrimos a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e ollamos o artigo 19 que fala da protección en caso de devolución, expulsión e extradición onde se prohíben tanto as expulsións colectivas como as devolucións a outros países das persoas que corran un grave risco de ser sometidos a "pena de morte, tortura ou a outras penas ou tratos inhumanos ou degradantes". Poderíamos atopar máis documentos acordados internacionalmente onde se recolle este dereito das persoas a buscar asilo e a obligación dos estados de conceledo, como a Carta Fundamental dos Dereitos Humanos, a Convención de Xinebra, o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, o Protocolo de Dublín, a Convección das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar e incluso as propias Constitucións Nacionais dos Estados Membros (no caso de España o seu artigo 13.4).

Mentres todo isto acontece, asistimos a un espectáculo bochornoso dos nosos gobernantes que se mostran desesperados, impotentes e paralizados e que simplemente deixan pasar o tempo como mellor solución. Dicía Neira Vilas que "o tempo, o mesmo cura as feridas que fai apodrecer árbores", e neste caso está a apodrecerse o bosque enteiro. A gran maioría dos gobernos da Europa do Este e dos Balcáns continúan sen ningún tipo de pudor pechando as fronteiras e fomentando discursos nacionalistas como solución aos problemas. Os países do norte da Europa din que non queren máis refuxiados e nós, nin sequera nos pronunciamos.

Sendo críticos, crer na Unión Europea estase a convertir máis nun acto de fe que en algo que se poida apoiar en datos reais, e de feito estase convertindo ela mesma na maior máquina de fabricación de eurófobos. Europa acaba de renunciar aos seus principios pola súa supervivencia cando os gobernos europeos tomaron a cruel e inhumana decisión de acceder ás chantaxes do goberno turco, "externalizando" o problema dos refuxiados e pagándolle 6.000 millóns de euros (o doble do pactado inicialmente) para que fagan o traballo sucio e manteñan aos refuxiados dentro das súas fronteiras. O "acordo" con Turquía supón a capitulación da Europa, a capitulación dos pobos europeos, que admiten a súa incapacidade absoluta para atopar unha solución xusta e apropiada para os refuxiados.

Non se trata só da responsabilidade legal que tanto as leis europeas coma os tratados internacionais nos impoñen, senón tamén da responsabilidade moral como sociedade que deberíamos ter, poñendo sempre por diante o valor incalculable da vida das persoas.

As cousas teñen que dar un xiro radical. Evidentemente, o prezo de non ter unha Unión Europea é moito maior que o de ter unha "mala" Unión Europea. A casa común de todos os europeos trouxo moito progreso e moitos avances ao noso continente, e por iso, aínda continúo sendo defensor do que considero un proxecto por concluir. Confío en que seguir construíndo a unión merece a pena. Sen embargo, tamén recoñezo que é unha mágoa que non sexamos capaces (ou polo menos que non o sexan os nosos gobernos) de alcanzar un grao de civilización e humanidade suficientes para ver cal debería ser o camiño que temos que coller para facer ben as cousas. Non dubido, nin me tembla o pulso en afirmar que, polo menos na actualidade, por desgraza, a maioría dos gobernos nacionais europeos son uns asasinos, ou polo menos cómplices de que aconteza.

*Natural de Agolada e becario no Parlamento Europeo

Compartir el artículo

stats