Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Pon un libro na túa vida

Segundo un informe publicado recentemente con datos referidos ao 2014 polo Observatorio da Lectura e o Libro -mira que temos organismos tan pomposos coma inútiles- co título de Panorámica de la edición española, tan so durante ese ano foron publicados no noso país nada máis e nada menos que 90.802 títulos, dos cales 77.310 eran unha primeira edición e arredor de 18.000 encadrábanse na área de creación literaria.

Facendo números, case cincuenta novos libros de ficción ao día sonche editados no noso país, que se preza e vangloria de non ler un libro en todo o ano, tal e como recoñecen sete de cada dez cidadáns consultados nas enquisas sobre o particular e que imos dar por boas ao tratarse de enquisas de reputada fiabilidade e independencia que veñen realizándose dende o CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas). Sorprende desagradablemente que, segundo recolle a mesma, os mellores resultados de vendas, non sei se de lectura, se acadan no que poderíamos definir, sendo xenerosos, como xénero do marujeo, é dicir, os que, imos a aceptar nun acto irreflexivo de fe cega, sonche escritos por persoeiros do famoseo e do mundo da farándula.

Na España de charanga y pandereta de Machado, estes datos veñen explicar sobradamente os porqués de que ano a ano as cifras de vendas diminuían e xa non causa sorpresa o feito de que nos últimos cincuenta anos caeran un 30%, aproximadamente. Evidentemente estamos a vivir no país de Alicia, o das marabillas, tal e como nolo pintan estes trileros do des-goberno, xa que non me digan que non é marabilloso que as edicións medren e medren e, porén, as vendas diminúen e diminúen. É dicir, vivimos nun país onde a creación literaria resulta innegable, escríbese moito e estase a facer xeralmente ben, aínda que non se le, ninguén ou case ninguén le o que outros escriben. Quen nos entende?

Como escusa, pouco convincente, para uns é por falla de tempo, para outros ler resulta ser un vicio moi caro, non temos senón que recordar as campañas denunciando o famoso decretazo do 21% do IVA cultural, destes analfabetos do goberno do PP, que aprobaron na contra e contra todos; e seguramente ambos bandos terán razón, ou parte dela. É verdade, xeralmente tense pouco tempo e, si, a literatura é cara, moi cara, carísima.

De calquera xeito, eu argumentaría, entrando de cheo neste debate estéril, que as bibliotecas estanche aí mesmo ao alcance de calquera e sonche de balde, normalmente acolledoras, e podes conseguir dous libros cada quince días, coa maior facilidade, tan so precisas obter o teu carné de usuario da biblioteca, e, por certo, que en Lalín temos unha ben céntrica e cómoda, a que non estaría de máis dotar cun maior número de exemplares, sempre fan falla e sonche poucos os que teñen, sen dúbida. E, no que respecta ao tempo, do que efectivamente carecemos e non se pode estirar, como concepto abstracto e non cuantificable en termos monetarios, cada vez que escoito a alguén falar de que "a ver que invento hoxe para matar o tempo, de que estou aburrido ou de que non me da tempo", cando tes acendida a caixa tonta dende as oito da maña, pois, que lles vou contar?, ábrenseme as carnes e sinto unhas ganas irrefreables de facerme o harakiri, ese dos samurais.

Fáganme caso, poñan un libro na súa vida, mellor aínda, poñan miles, millóns de libros, soñen e non durman, porque asegúrolles que vivir tamén é ler, e ler éche vivir intensamente a vida que vendemos.

Compartir el artículo

stats