Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Non é país para odios

É o caso que chegan onde o cronista varias cartas procedentes dalgúns de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas liñas semanais. Antes de máis nada, quixera agradecerlles aos autores das mesmas a deferencia da que me fan obxecto; especialmente -e coa súa licenza- no caso de tres delas, asinadas por compañeiros nas tarefas docentes. Trátase, polo demais, de apreciados colegas os cales, sen embargo, non parecen condordar con algunhas das opinións vertidas por min, hai cousa de dous/tres sábados e neste mesmo espazo, no tocante canto ás posibilidades/imposibilidades de que este país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos chegue a contar cun goberno estable antes de que resulta ineludible a convocatoria dunha nova cita electoral.

Mais antes de efectuar calquera comentario ao respecto, permíntanme que lles diga que entendo ben que son xa moitos -en realidade, demasiados- os comentaristas, tertulianos, (autoproclamados) líderes de opinión... empeñados en facer cadrar, sexa como fose, os datos obxectivos/obxectivables que o entorno nos vai abastando coas súas particulares filias e fobias. O resultado de tal proceder á vista está: tan só a simpatía/antipatía que a cadaquén lle inspiran as diferentes formacións concorrentes e/ou os seus líderes parece importar na hora de avaliar non só a conveniencia/inconveniencia, probabilidades dun determinado goberno, senón que incluso hai quen se atreve a impartir consellos, decretar bulas ou proferir excomuñóns e pauliñas tal e como se se tratase dunha sorte de hierofante dos misterios patrios. Nin máis nin menos.

En fin; procurarei, entón, arredarme no posible daqueles criterios delirantes e, en consecuencia, explicarlles a Mª. D. F.R. e mais a J.L.R.G. que non se trata en ningún caso de que D. Mariano Rajoy Brey me pareza mellor ou peor individuo, máis ou menos agradable no plano persoal, toda vez que nin tiven nunca, nin teño, un trato directo con el. E tampouco consiste a cuestión en que os principios que inspiran o Partido Popular se correspondan/non se correspondan cos meus; ao cabo, comprendo perfectamente que haxa xentes que se sitúen no ámbito político da dereita e que precisen dunha formación que os represente parlamentariamente. Pero é o caso de que, opción máis votada -que non gañadora- nas pasadas eleccións, o PP ten necesidade dunha urxente ITV en toda regra. A non ser, daquela, que definitivamente confundisen -ou queiran confundir- os seus propios intereses con esoutros da formación e do abano ideolóxico que representan, D. Mariano Rajoy e os seus adxuntos son sabedores de que a súa traxectoria chegou ao punto final. Perpetuar un discurso que fede a rancio mentres se agarda o accidente do adversario electoral configura unha táctica tan estéril como ruín. Desde logo, ninguén pon en dúbida que teña moitas papeletas detrás; con todo, as formas e mais os xeitos do PP de Rajoy non van a ningures; son millóns de votos, si, pero votos que limitan consigo mesmo. Máis tarde ou máis cedo, alguén en Génova 13 ha de tomar nota e obrar como lle cómpre.

Canto, agora, ás obxeccións que, da súa parte, propón Marisol L.V., direille á miña cara amiga e compañeira que, en efecto, Podemos ten todo o dereito do mundo a deseñar un goberno de esquerdas no cal D. Pablo Iglesias e compañía veñan ocupar postos de máximo relevo; en efecto, a escasa diferenza de votos que separa a formación morada do PSOE de D. Pedro Sánchez permite tales especulacións. Claro que unha cousa vén ser iso mesmo, especular, e outra diferente a consistencia dos feitos: está máis que dito/escrito, pero acaso conveña lembrar máis unha vez que -fose Aristóteles, Maquiavelo, Churchill... quen o afirmase- a política resulta ser a arte do posible. Ou non é tal?

Lonxe de min pretender actuar de valedor do Sr. Sánchez -son lexión, os amiguetes que lle saen de súpeto e de entre as silveiras-, mais é o caso que non só D. Pablo Iglesias le libros de historia. Xa que logo, non será ese o seu obxectivo, mais velaí que os seus xeitos intempestivos veñen parecerse un tanto a esoutros que practicaran algúns na Varsovia, Praga, Berlín... de 1945-1948. E non esquezamos que na teoría -na teoría e máis nada- Polonia, Checoslovaquía, Hungría, a R.D.A. se axeitaron como reximes multipartidistas.

Non o digo/escribe un servidor, senón personalidades do peso de Dna. Manuela Carmena. As mudanzas que lle cómpren ao Estado español son de tal entendidade que tan só unha entente entre C´s, PSOE e Podemos -descartado, como vimos, o PP de Rajoy- pode evitar perdernos nas reiteracións dunha reiteración reiterada. En fin, na opinión deste modesto cronista, antes dunhas novas eleccións/logo das mesmas, velaí unha das poucas saídas que se lle miran ao impasse. Sinceramente, e parafraseando a sonada película dos irmáns Coen, non é este -non debería selo- un país para odios. De non ser tal, para que raios serve a "nova política"?

Compartir el artículo

stats