Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Trepia

O Departamento de Estado dos EE UU (DE) mantén activas oficinas para cada país e rexión do mundo que elaboran continuamente táctifas as cales pasan a outros ministerios, ao presidente, ao Pentágono, ás axencias. Os funcionarios móvense sen cesar por despachos con persianas de plástico. Levan tazas de café aguado na man. Toda a política exterior dos EE UU baséase na idea de que eles son o país chamado a gobernar o mundo segundo os principios do capitalismo e que todo lles está permitido. Algo así como o pobo elixido por Deus, segundo o xudaísmo. Despois da ruína do socialismo real, todo parecía estar sometido no Planeta ao capital máis voraz e aos caprichos e interese do Imperio.

Pero houbo mudanza en Venezuela, Ecuador, Bolivia, e Cuba non recuou un átimo. Recuperouse Eurasia da Catástrofe Escura e China non arriou a bandeira da cor vermella. A globalización desglobalizouse, o unipolar pasou a ser felizmente multilateral. A UE entrou na malenconía e os EE UU coñeceron a decadencia. "Todo o sólido se esvaece no ar", dixeran os nosos clásicos. Chegado un intre, xa o Imperio non tivo capacidade para enforcar ou crucificar o doutor El Assad como fixera con Sadam Hussein e co Gadaffi. Así as cousas, o Imperio pasa ao contrataque. Desata propaganda vulgar contra o "populismo", despois de ver fracasar profecías de deseño tipo Fin da Historia.

As axencias operativas do DP tratan de brutalizar alí onde os burós lles din que é necesario: digamos en Kiev. Pero vai resultándolle difícil ao DE impedir que no taboleiro da Historia volvan rexurdir os territorios míticos e novelados: Crimea. Ás veces a sombra terríbel dun mísil coreano asombra, coma a sombra rosaliana, as bases de Xapón e a Costa Oeste da Matrópole. Como o imperio está mal, está triste, inventa unha saída secreta e sotil: os "tratados de libre comercio". Europa váiselle, aos poucos. Xa ninguén acredita na UE. Portanto, arrebólannos un tratado de libre comercio como aqueles que serviron para reducir a libertade real e o benestar en lugares da América Latina e Asia. E neste marco, o DE dos EEU U ten que xestionar a crise de España.

O réxime borbónico da Transición esvace no ar. Fórmula do DE: Podemos e os seus aliados independentistas (e precisamente galegos) nunca. Si a Trepia de confianza: PP maquillado, PSOE de Felipe G., recambios Rivera. Se tal coa adición dun PNV amigo do DE desde 1945 (e antes).

Compartir el artículo

stats