Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

...unha muller

Non deixa de ser unha magoa que a ONU (¡!) se vexa na obriga de recordarnos a todos a importancia e a singularidade de cada ser humano que vive baixo este ceo. Mellor sería que ninguén tivese que pregar para si un día especial no que se lle concendesen (só nesa xornada) os dereitos, deberes e recoñecementos que, dun xeito ou doutro, se lle negan no resto de días do ano.

É unha magoa pero pode que sexa preciso; especialmente cando os humanos, eu o primeiro, pasamos as horas ollando só o noso embigo convencidos de que nada hai máis importante, máis ocupante e máis merecente de tempo e forzas que o presente e o futuro da nosa querida boliña de peluxe.

Hai un tempo lin unhas verbas do bispo chileno Monseñor Ramón Ángel Jara que agora quero compartir contigo; paréceme que non é doado dicir máis e mellor. Hai unha muller que ten algo de Deus pola inmensidade do seu amor, e moito de anxo pola infatigable solicitude dos seus coidados; unha muller que sendo moza ten a reflexión dunha anciá, e na vellez traballa co vigor da mocidade; unha muller que se é ignorante descobre con máis acerto que un sabio os segredos desta vida, e se é instruída acomódase á simplicidade dos cativos; unha muller, que sendo pobre se satisfai cos que ama, e sendo rica daría con gusto os seus tesouros por non sufrir no seu corazón a ferida da ingratitude; unha muller que sendo forte estremécese co pranto dun neno, e sendo débil revístese ás veces coa bravura dun león. Unha muller que mentres vive non a sabemos estimar porque ao seu carón todas as dores se esquencen pero que despois de morta dariamos todo o que somos e todo o que posuímos por mirala de novo un só instante, por recibir dela unha soa aperta, por escoitar unha soa verba dos seus beizos.Desa muller non me esixades o nome se non queredes que empape con bágoas o voso diario? porque eu xa a vin pasar polo meu camiño.

Cando medren os vosos fillos lédelles esta páxina e eles, cubrindo de bicos a vosa fronte, diranvos que un humilde viaxeiro, en pago do espléndido hospedaxe recibido, deixou aquí, para vós e para eles, un bosquexo do retrato da súa nai. Só dunha muller se pode escribir así. Benditas, respectadas, e, se é preciso, festexadas sexan. Pero non dende a benevolencia e a magnanimidade propias do machismo máis rancio senón dende a humildade e a gratitude que sempre van moito máis alá dunha simple e apacible igualdade.

Compartir el artículo

stats