Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vigo somos tod@s

Unha vez escoitei dicir a unha muller á que admiro moito que a súa patria era o xénero. E pensei, a miña tamén. De feito, hai xa moitas voces que reivindican o concepto de Matria coma unha pertenza a un Universo no que cabemos todas e todos, sen exclusións, sen discriminacións, sen violencia, desde a creatividade e o respecto entre nós e co noso medio. Por aí quero eu vivir e me gustaría convocarvos á vós, a cidadanía viguesa, a transitar eses camiños que inspiran a política de igualdade na nosa cidade. Aproveito este primeiro 8 de marzo como concelleira de Igualdade para presentarme. Son actriz e profesora. De esquerdas. Comprometida coas causas difíciles e mesmo, con algunhas que se poden considerar perdidas. Formo parte da nómina de persoas que cremos que o mundo pode cambiar para ben e que hai moitas cousas que damos por intocables que son perfectamente removibles se hai vontade e alternativa. É un grande honor participar deste goberno municipal na miña cidade, pero é tamén unha enorme responsabilidade e un reto para o que pido colaboración desde a humildade de quen quere representar os intereses xerais e o ben común. Precisamente neses conceptos tan globais, pero tan concretos, está a esencia da loita pola igualdade entre seres humanos, sen distinción de sexo, como a nosa Carta Magna indica, e como se recolle na correspondente Declaración Universal da ONU, e como se comprende, sen necesidade de grandes afirmacións baseadas en leis, desde o sentido común e desde o compromiso claro coa xustiza e a equidade. Pois esa é a cuestión. Que desde o Concello de Vigo sigamos avanzando nun compromiso esencial coa igualdade, e sexamos quen de facer aquelo que recrea a parábola dos talentos. Lembran? Cando nos chegue a hora de dar conta do que fixemos cos bens que herdamos, teremos que poder dicir que non os malgastamos, senón que os fixemos medrar.

Abel Caballero lidera un equipo de mulleres e homes, paritario, progresista e que representa a toda unha cidade e as súas xentes con orgullo e con ambición. Cónstame que neste grupo de persoas que facemos política no ámbito local sabemos que hai que esforzarse máis con quen máis o precisa. E por iso hoxe quero reafirmarme nestes obxectivos: o traballo compartido coas representantes das organizacións de mulleres da nosa cidade, no Consello Municipal da Muller, punta de lanza na inspiración e seguemento do noso labor; a colaboración coas intelectuais, expertas, deportistas, traballadoras, creadoras... para ir abrindo camiños de coñecemento e sementar novas e boas prácticas; a atención á xente máis nova que tanto precisa dunha educación en valores entre os que a 'non violencia' ocupe un lugar principal. Como facemos coa nosa lingua, tamén precisada de aloumiños e protección para mantela vizosa e deixala medrar e expandirse. Abrímonos -en suma- á interlocución coa cidadanía para lle devolver, con feitos, as esperanzas que puxeron en nós.

Este 8 de Marzo seguimos a reivindicar a igualdade e a denunciar as discriminacións e marxinación que aínda persisten en tantos ámbitos da vida. Xa son chegados os "Tempos sen exclusión das mulleres", como indica o lema dos actos organizados para o noso día internacional. Neste enlace www.igualdadevigo.org ofrecemos información sobre as actividades que empezaron o 6 e rematarán o 20 deste mes. Cítovos algunhas como a proxección e coloquio de documentais sobre aspectos pouco divulgados de situacións que nos oprimen, os días 9 e 16. A programación de cine infantil o 6, o 13 e o 20. A actuación musical de Treme o 17, e moi especialmente, convídovos á entrega do premio 'Ernestina Otero' que este ano recibirá a investigadora viguesa Coral del Río, o venres 11. Convócovos, tamén, a sumarvos á reivindicación das mulleres deportistas, para acadar o mesmo status que os seus compañeiros, que faremos hoxe no Auditorio Mar de Vigo.

Precisamos de vós para ter unha cidade de persoas libres, solidarias, intelixentes, con oportunidades... felices, ao cabo. Seguiremos tecendo o futuro con tódalas mans, quereremos rachar o teito de cristal e practicaremos unha democracia plena na que todas e todos convivamos en igualdade. Vigo somos tod@s.

*Uxía Blanco é concelleira de Igualdade, Normalización Lingüística e Mocidade no Concello de Vigo

Compartir el artículo

stats